El tiempo
martes. 16.08.2022
El tiempo

Nos suburbios

UN HOME alto e delgado, cunha gabardina que lembra a Bogart nos seus mellores filmes, observa en silencio unha pedra branca que cobren as follas verdes. Non hai un só símbolo relixioso, posto que estamos no Cemiterio dos Ingleses en Roma —o camposanto que os romanos coñecen coma Cemiterio dos Artistas pois alí xacen Keats, Shelley ou Gadda—. Mira unhas simples letras (Gramsci) acompañadas de lugares e datas.
Nos suburbios - Javier Nogueira

Pier Paolo Pasolini, ese home lanzal, fita os restos de quen inspirará boa parte do seu pensamento e o seu mellor libro de poesía, As cinzas de Gramsci, que se recolle íntegro na moi xenerosa escolma da poesía pasoliniana titulada La insomne felicidad, que vén de publicar Galaxia Gutenberg con motivo do centenario do autor. Non é o único libro salientábel de ou sobre Pasolini que chegou á libraría nestas semanas. A foto que vimos de describir pódese atopar na excelente biografía composta por Miguel Dalmau, gañador con ela do Premio Comillas neste subxénero.

A lírica de Pasolini ten a virtude de nos afastar en boa medida das polémicas do personaxe público, que non foron poucas. Aínda arestora discútese sobre o seu asasinato, sobre o seu antifascismo e sobre o seu rexeitamento do totalitarismo de esquerdas —en non poucas ocasións, manipulado a conveniencia por personaxes aos que el, que era destro tamén no manexo dos puños segundo se di, probablemente tería respondido de xeito contundente—.

Precisamente esta popularidade, derivada mesmo en mitificación, levou a hipérboles sobre as calidades poéticas de Pasolini, quen aparece para Dalmau, por exemplo, coma o meirande poeta italiano da posguerra. Habería moito que discutir sobre iso, mais non sobre a excelencia dunha lírica que non precisa compararse con precedentes (Montale, Ungaretti) ou sucesores —Zanzotto, amigo e editor do noso protagonista— para acadar un posto sobranceiro nas letras europeas e italianas.

Pasolini nunca esqueceu a súa orixe modesta e popular e sempre preferiu os suburbios de Roma ao luxo vaticano

Quen coñeza ao Pasolini personaxe ou Pasolini director de cine non terá dificultades en navegar por estes poemas, pois os mundos presentes son moi similares. O feito de tratarse dunha edición bilingüe permite que nos mergullemos no friulano, idioma a medio camiño do italiano e o romanés, falado na rexión de Udine, lingua materna do autor da que non hai moitos textos traducidos ao español.

O Friuli e a infancia non van desaparecer nas seguintes décadas senón que se van transformar. Pasolini nunca esqueceu a súa orixe modesta e popular e sempre preferiu os suburbios de Roma ao luxo vaticano. Alí atopou moito do amor que se expresa cunha tensión que medra co paso da páxinas e que constitúe un tema principal, sempre coa homosexualidade e os seus segredos de fondo.

Dito isto, os marxinados teñen un papel protagonista na poesía máis abertamente social da escolma, sobre todo no maxistral Canto popular, de As cinzas de Gramsci. É aí onde Pasolini nos axuda cos seus versos a interpretar a nosa realidade tanto como a súa. É aí onde atopamos a crítica a uns intelectuais —Picasso, no seguinte poema— que compuxeron unha arte teoricamente progresista, pero que non é do pobo nin para o pobo, que segue outros camiños. 
E diante deles aparece a voz poética, á que os cinéfilos non podemos desvencellar dos rapaces da vida, que se ergue para mesturar idealismo e realismo nas pinturas daquela Roma dun desarrollismo transalpino que anos despois chegaría ás urbes españolas e que cantaría outra voz olímpica e sensual como a de Jaime Gil de Biedma. Nestas coordenadas paga a pena ler a Pasolini nunha obra que enche un burato enorme na cultura española e galega.

Nos suburbios
comentarios