Opinión

O Cabodano

OS CURRÍCULOS educativos, ademais de ser pouco respectados, son documentos aburridos e dignos de discusión, como sabe quen se dedique á docencia nesta época de dominio da pedagoxía e a psicoloxía. Maila isto, non todo pode ser malo neles e concretamente o galego contén un apartado de interese agochado baixo a gris etiqueta de Elementos transversais. Este epígrafe non é que garanta, senón que obriga ao profesor a tratar elementos fundamentais para a formación dos estudantes como individuos, aínda que non coincidan exactamente cos contidos da súa materia.

Por iso un profesor de Literatura, como é o meu caso, está na obriga de tratar o Holocausto, mesmo cando é unha tarefa específica dos compañeiros de Historia. E este ano é aínda máis necesario xa que a finais de mes cúmprese o 75º aniversario da liberación de Auschwitz. Outra volta veremos ringleiras de anciáns superviventes e seremos conscientes de que nuns anos non quedará ninguén que vivise en persoa o horror mesmo.

Tres cuartos de século e aínda non é posíbel responder por completo á pregunta chave: Como foi posíbel tal crime? Para atopar resposta a ela -e a outras moitas cuestións- saíu hai unhas semanas El tercer Reich. Una historia de la Alemania nazi (Editorial Crítica), do prestixioso historiador estadounidense Thomas Childers. Trátase dun volume agardado entre os especialistas: o finado Josep Fontana recomendábao no seu último libro de historia contemporánea.

A magnífica edición crítica de Mein Kampf editada en Alemaña hai uns poucos anos ten interese crítico, pero non renova os estudos,

O valor dunha obra coma esta non se atopa na investigación, senón na capacidade do autor para crear unha narración que engaiole ao lector. Evidentemente Childers é un reputado intelectual, rigoroso e cunha longa experiencia no tema, polo que o seu libro é ambicioso e dunha calidade extraordinaria. Porén, pouco pode innovar na cuestión de fondo. Richard Evans e, sobre todo, Michael Burleigh esgotaron o asunto xa hai un par de décadas en ensaios traducidos ao español, de grande impacto por ter asimilado os moitos testemuños de alemáns que viviron no réxime publicados na posguerra. A magnífica edición crítica de Mein Kampf editada en Alemaña hai uns poucos anos ten interese crítico, pero non renova os estudos, o mesmo ca outras monografías sobre asuntos cada vez máis especializados e, en certa maneira, pouco relevantes.

Xa que logo, o fundamental é chegar ao lector e niso o éxito de Childers é indiscutíbel. Minimiza a erudición e sacrifica en boa medida o academicismo —este, por exemplo, fai a citada e valiosa obra de Burleigh, case que ilexíbel para un profano— para dar fluidez o relato e a lectura mesma: apenas hai notas a pé de páxina e a bibliografía é relativamente escasa. A narración progresa con rapidez e cando se detén para as descricións estas fanse con trazo claro. Ao escoller testemuños de alemáns da época elíxense en moitas ocasións anécdotas de contido humorístico.

E cando se chega ao final, Childers é implacábel no relato das barbaridades e polo tanto no convite á reflexión sobre elas. A única crítica que habería que facer ao seu enfoque ten que ver coa polémica que rodea aos estudos sobre o tema dende hai tempo: ao se centrar nos xerarcas nazis, obvia o papel dos alemáns de a pé, o feito de que o Terceiro Reich non tería sido posíbel sen os «verdugos voluntarios» dos que falou Goldhagen, a quen nin se cita na bibliografía. Unha pequena chata nunha obra de enorme interese e que debería ser lectura de cabeceira para moitos en datas coma estas.

Comentarios