Opinión

O grande imperio

Como Estado somos moi de dramas, tamén na política, andamos decote co Se rompe España
táboa

Agora non tanto, que ben nos chega co coronavirus e a crise económica que está a provocar, e mesmo co peor temporal de neve en medio século (en Madrid, que nos Ancares pasa todos os anos, mais iso non lle importa a ninguén), pero xa verán como ha rematar este asunto e volveremos aos hits de toda a vida, sobre todo ao de botar culpas sobre cataláns e vascos —os galegos nisto imos de perfil—.

A Historia sempre é unha vacina para isto, xa que nos ensina, por exemplo, como foi posíbel a supervivencia de certos imperios e estados plurinacionais durante séculos… e tamén a imposibilidade de resistir sen recoñecer plenamente o valor das diferenzas. O caso senlleiro é o do Sacro Imperio Romano Xermánico, que analiza nunha obra de referencia, agora editada en España, o prestixioso historiador Peter H. Wilson. Publica Desperta Ferro, un selo que reparte os seus esforzos entre unhas interesantes revistas de historia militar e obras de divulgación como esta. Non é unha editorial dunha longa traxectoria e iso dá máis valor ao seu traballo con Wilson, un dos investigadores de referencia no Vello Continente.

O Sacro Imperio, ou Imperio Austrohúngaro como se coñeceu dende o século XIX —a época historiograficamente máis popular para o afeccionado, polo que o nome fixo fortuna—, presenta unhas dificultades inéditas para o historiador pola súa extensión no tempo e o espazo. Se admitimos a Carlomagno coma o seu creador —aínda que quizais puidésemos chegar ata Pipino o Breve— no ano 800, prolóngase máis de 1.100 anos, ata o final da Primeira Guerra Mundial. En canto ao territorio, só Rusia, Reino Unido e Escandinavia quedaron fóra do seu control nun ou noutro intre.

No canto de escoller unha perspectiva cronolóxica, na que o lector se tería perdido, elixe unha visión temática.

Para sortear estes obstáculos Wilson creou unha obra de grande orixinalidade. No canto de escoller unha perspectiva cronolóxica, na que o lector se tería perdido, elixe unha visión temática. Ao principio pode custar entrar no libro, pero consonte se desenvolven os primeiros capítulos queda claro o éxito metodolóxico e podemos camiñar sen atrancos por cuestións menos relacionadas coa xeografía e a política, e máis coa cultura ou os sempre complexos asuntos relixiosos. Dito isto, a vocación da obra é monumental e o volume de información transmitido enorme, co que se precisan.

A pegada do Imperio Austrohúngaro déixase sentir aínda nos nosos días. Por exemplo, Bosnia Herzegovina aínda sente as feridas da guerra e o xenocidio dos anos 90, produto das tensións nacionais larvadas durante séculos. A Historia deste país balcánico cativo é a doutros moitos veciños: varias relixións, varias razas e un poder central preocupado pola súa supervivencia e non pola resolución dos conflitos de xeito construtivo. Todo isto queda transmitido por Wilson, aínda que o lapso temporal escollido non lle permita tratar a caída do Imperio.

A obra pode parecer complexa, pero é recomendábel como introdución para aqueles que desexen coñecer as peculiaridades da civilización centroeuropea, para moitos a máis prolífica do século XX, cos seus Zweig, Freud, von Neumann, Kafka ou Hasek. Isto supón entrar nun labirinto cheo de nomes descoñecidos e cidades que resultan alleas, sobre todo na época dos outros grandes acontecementos imperiais, a Reforma e a coñecida como Guerra dos Trinta Anos. Wilson, como a Ariadna da historia de Teseo e o Minotauro, ofrécenos o fío e o novelo e grazas a eles podemos saír con ben e lembrar o necesario de adaptar as institucións políticas ás realidades culturais máis diversas para evitar as peores traxedias.

Comentarios