Opinión

Redescubrir a Vincent

ALGÚNS artistas non poden escapar ao seu final, por moi grande que sexa a súa obra. Ocorre con Mozart, o sinistro encargo do Requiem e o enterro nunha foxa común –e iso que teño a impresión de que Amadeus de Milos Forman está condenada a un inxusto esquecemento– e tamén pasa con Vincent van Gogh.
Retrato de Van Gogh. EP
photo_camera Retrato de Van Gogh. EP

Os últimos meses da vida do sublime pintor holandés téñense contado en forma de novela, filme e mesmo canción –a magnífica Starry night de Don Maclean–, sempre dun xeito máis ou menos idealizado. Na pantalla, por exemplo, interpretouno Kirk Douglas con toda a súa beleza masculina, algo que sorprendeu e moito aos que o coñeceran en Arles ou Auvers, os lugares onde pasou os seus últimos anos.

Mais Van Gogh non viviu tres anos senón 37. Case que catro décadas de sufrimento e problemas persoais apenas coñecidos para o grande público. Para botar luz sobre o asunto aparece en español a monumental biografía Van Gogh. Una vida (Taurus), composta tempo atrás xa en inglés por Steven Naifeh e Gregory White Smith. A parella de autores é máis coñecida por un traballo similar, o dedicado ao pintor estadounidense Jackson Pollock, co que inspiraron unha película coa que  Marcia G. Harden gañou un Oscar e Ed Harris estivo nomeado a outro.

Retrato de Van Gogh. EP
Retrato de Van Gogh. EP

A idealización do pintor holandés non pode sobrevivir baixo ningún punto á lectura da biografía de Naifeh e White Smith. Aparece Van Gogh coma un completo fracasado, incapaz de manter un só traballo ou unha relación minimamente normal coa súa familia –o que inclúe ao seu famoso irmán Theo: a correspondencia entre os dous é o alicerce do libro–.

Economicamente depende en todo momento dos seus pais ou do seu irmán, e en poucas ocasións amosa agradecemento. É un alcohólico e cliente habitual de prostitutas, case único xeito que ten de manter unha relación cunha muller. Xa sexa en Brabante, en París ou na Provenza a xente foxe del e os nenos fanlle escarnio ou mesmo o agreden por medo ao seu aspecto. É, en resumo, un tolo de cabelo roxo e con aspecto de moinante que pasea polos campos materiais para pintar no canto de cans.

Mais o xenio está aí e os autores describen en profundidade tamén o seu proceso creativo, cheo de dificultades. A inestabilidade persoal de Vincent non axuda aos seus debuxos e pinturas e tarda moito tempo en acadar a fama a pesares de aparecer no intre xusto, no lugar axeitado e cunhas poderosas conexións no negocio –tanto un tío seu coma o propio Theo eran marchantes de arte, pintura en particular–.

Van Gogh morreu nun terríbel accidente cun arma provocado pola neglixencia duns adolescentes

Malia todo isto, a grande achega do libro non se atopa no desenterramento de aspectos ocultos da vida de Van Gogh senón no que ten que ver co seu pasamento. Durante décadas atribuíuse, en plena lóxica cos problemas mentais do pintor, a un suicidio –de feito, nunha vella biografía que gardo eu pola casa dos meus pais vaise máis lonxe e fálase dun harakiri, o suicidio ritual xaponés, que tería cometido Van Gogh pola súa admiración por aquela cultura–.

Naifeh e White Smith dan relevancia a testemuños que xa eran coñecidos, pero que se ignoraban por desmontar a versión oficial e, tras unha fonda análise da sucesión dos feitos e a súa posíbel coherencia, chegan á conclusión de que Van Gogh morreu nun terríbel accidente cun arma provocado pola neglixencia duns adolescentes, algúns daqueles pícaros que sempre andaban detrás del para lle guindar pedras e maltratalo. Quizais sexa unha morte máis acaída para un espírito tan torturado por dentro como para os de fóra.

Comentarios