Opinión

Remover a lama

Non me gusta demasiado Londres. Nin en Nova York sentín esa sensación de estar continuamente no feiral de San Froilán.
Lama

No que ten que ver cos ríos, non comparemos o Támesis co Danubio en Budapest, por exemplo, porque as comparacións son odiosas —malia que o Danubio non sexa precisamente azul ao seu paso pola capital maxiar—.

Quizais por isto me custou entrar nun libro moi curioso pola temática e o enfoque como é Mudlarking, de Lara Maiklem, unha obra de Historia baseada nunha peculiar arqueoloxía: a que consiste en remexer na lama do Támesis á procura de obxectos que, en moitas ocasións, son lixo... e nunhas poucas verdadeiras alfaias para comprender a evolución da megalópole inglesa.

"Agarde —dirá o meu querido e atento lector—, como que remexer na lama do río?". Porque por moito que un desexe procurar no leito do río Miño en Lugo, iso sería tarefa imposíbel. Ocorre que a autora comeza por aclarar algo básico e que moitos non sabemos a pesares de ter estado varias veces en Londres —ou de vivir alí mesmo: pola proximidade do mar e polo curso que leva, o Támesis é un río con mareas, polo que o seu leito queda ao descuberto nalgunhas zonas un par de veces ao día—.

É aí cando aparecen, coma espectros, os mudlarkers —literalmente  os que se divirten na lama, aínda que cun matiz moi difícil de captar en galego—. Segundo a propia Maiklem, moitos son o que entenderiamos por friquis... pero outros, como ela, dedícanse á nobre tarefa da arqueoloxía, sobre todo contemporánea ou actual, pero ás veces e con fortuna, medieval ou mesmo romana. Percorren para iso o curso do río dende a cabeza da marea, en Teddington, ata un estuario no que xa apenas é posíbel recuperar nada que non sexan restos humanos.

Se a vostede lle gusta mancharse, aturar fedores e arriscarse a morrer afogado nunha suba imprevista da marea, este é o seu libro. Tamén se ten un especial interese en restos da vida cotiá entendidos como arqueoloxía —algo do que fai un arte en España o galego Alfredo González Ruibal, por exemplo— ou se son uns verdadeiros fanáticos de Londres. Noutro caso, coma o meu, un percorrerá as páxinas do libro de Maiklem cun aquel de noxo, á espreita do seguinte achádego que o vai facer pensar no que tería que pasar a autora para desenterralo.

Gaña moito a obra, polo menos para o non devoto dos paseos a carón do río, cando a autora limpa os obxectos e conta a súa historia. Sen ser historiadora ou arqueóloga por formación, Lara Maiklem amosa un fondo coñecemento do Londres histórico —lembremos, case que destruído no Grande Lume de 1665— e unha grande capacidade para recrear o mundo que rodeaba os obxectos que caeron ao río e as persoas ás que probabelmente pertenceron.

E que se atopa nun río coma o Támesis? Pois, por exemplo, as pezas orixinais da tipografía Doves, coa que podería redactarse nun procesador de textos este artigo; xerras do século XVII que reciben o seu alcume (bellarmine) do cardeal que condenou a Galileo; o zapato dun neno que viviu na época dos Tudor, en perfecto estado de xeito milagroso, ou a funda de marfil dunha espada que levou un dos auxiliares romanos que mantiveron o control de Britania durante tres séculos. Polo menos, isto é o mellor que atopou a autora, o que dá pé a que se percorra case que toda a historia de Londres e abre a porta a novos libros sobre outros achádegos obtidos mediante esta peculiar afección.

Comentarios