Opinión

Sobrevalorado

HAI un terreo adicto ás listas é o do deporte: quen é o mellor deportista de todos os tempos? Alí ou Michael Jordan? E o mellor futbolista? Pelé, Maradona ou Messi?

Kobe Bryant
photo_camera Kobe Bryant

E se hai un xeito de manipular estas listas, a pesares do protagonista por suposto, é morrer novo. A morte dun mozo ou un adulto aínda novo xera tal impacto que ergue as emocións por riba de calquera consideración analítica. Se non queren pensar no deporte e son cinéfilos, reflexionen sobre se James Dean en verdade era tan bo como moitos cren.

Foi isto o que ocorreu en xaneiro de 2020 con Kobe Bryant, estrela dos Lakers que viña de se retirar había poucos anos e que finou nun terríbel accidente de helicóptero acompañado da súa filla maior, da que se cría que podía chegar a ser á súa vez unha estrela da WNBA. Que Bryant era un dos mellores xogadores da historia do baloncesto non o dubidaba ninguén o día antes da traxedia, pero esta impulsouno á discusión sobre o número un de xeito artificial. 

Mostra da súa importancia é que xa antes da súa retirada comezara a escribir unha biografía súa Roland Lazenby, prestixioso xornalista especializado estadounidense máis coñecido por ter feito a que na actualidade se considera a mellor historia da vida de Michael Jordan, este si o mellor xogador de todos os tempos. Publicouna en 2016, meses despois da retirada do xogador, baixo o título Showboat (conservado nesta edición e traducible como chulería) e despois do accidente Libros Cúpula decidiu sacala en español. A manobra é sinxela de entender, pura e simple demanda.

A obra de Lazenby é excelsa sobre todo nun aspecto: amosar as luces e sombras da personalidade do protagonista

O que non é tan sinxelo de entender é como se puido perpetrar unha tradución tan pouco afortunada nun país que conta con algúns dos mellores especialistas da NBA en toda Europa, caso de Gonzalo Vázquez ou Andrés Monje, recoñecidos pola mesma liga. Os deportes teñen as súas xergas e a tradución literal, sen coñecer aos protagonistas e sen ser especialista na disciplina, adoito remata nun desastre. É o que ocorre neste libro. Os bases convértense en pivotes, os fisioterapeutas en adestradores, os pavillóns en ximnasios e en xeral toda a sintaxe amosa as pegadas dun traballo pésimo no que non se consultou un só especialista.

Se consigue chimpar un sobre todos estes erros, o que é difícil xa que os lectores deste tipo de obras adoito dominan xa o tema,  a obra de Lazenby é excelsa sobre todo nun aspecto: amosar as luces e sombras da personalidade do protagonista. Bryant non se fixo famoso tanto polos seus moitos éxitos como por unha mentalidade case que obsesiva e unha ética de traballo pouco frecuente en calquera actividade.

Isto fixo que durante boa parte da súa carreira estivese en conflito con compañeiros e adestradores e que só ao final da mesma se apreciase o seu legado, aparentemente máis sólido entre os profesionais ca entre o público xeral. Lazenby consegue algo magnífico: recoller todos eses conflitos e presentalos dende múltiples perspectivas sen caer no sensacionalismo. A metodoloxía axuda: estamos perante doutro deses libros construído a base de centos e centos de hora de entrevistas. De feito as partes máis frouxas son aquelas nas que dominan a historia (en particular, a do pai da estrela, antiga estrela do baloncesto tamén) ou os asuntos económicos, nas que os entrevistados non dan unha visión tan humana do asunto.

A morte imprevista de Bryant resólvese nun epílogo un chisco precipitado, que por forza non pode recoller a transcendencia da figura do xogador, convertido en modelo de traballo para moitos, mesmo se no canto da canastra se dedican, por exemplo, á lectura e á escrita. Sobrevalorar ao xogador, ao cabo, é tan sinxelo coma admirar a un home familiar, culto e traballador cun don para meter unha pelota laranxa nun cesto.

Comentarios