sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

O surrealismo son eu

DENTRO DA HISTORIA da literatura e das ideas posibelmente non haxa un troco na percepción dun movemento literario comparábel ao ocorrido co surrealismo entre a súa fundación e cénit, antes da Segunda Guerra Mundial, e os tempos actuais.
imgData
André Bretón

A poesía surrealista, sen chegar aos límites do dadaísmo, aparecía para os seus contemporáneos como algo totalmente absurdo, fóra dos límites da lírica. E un le agora Unión Libre, un dos mellores poemas de André Breton, xa non digamos a Paul Eluard, e non precisa demasiado esforzo para ver nel un cumio lírico, a conexión entre o mundo e o individuo a través da subxectividade máis plena.

Un chisco máis difícil é conectar coa experiencia vital de moitos dos surrealistas, por sorte para eles agora esquecida na súa meirande parte. Pódese ter un magnífico testemuño dela en André Breton. La biografía de Mark Polizzotti. Edita, ou máis ben reedita, para ser precisos, Turner, dentro dunha colección de especial interese que conmemora o cincuenta aniversario do selo. Isto serve para volver a poñer nas librarías obras dos fondos das editoriais, unha idea magnífica en xeral porque eses libros adoito teñen máis interese que o moito que se (mal)edita nestes tempos.

Os movementos literarios non funcionan como empresas, igrexas ou partidos políticos: que haxa un líder non implica unha obediencia fiel ás súas ordes. Cunha excepción, precisamente a do surrealismo. En contacto cos dadaístas e con Tristan Tzara, Breton fundouno despois da Primeira Guerra Mundial, un conflito que pasou na fronte como médico militar. Durante as seguintes tres décadas, namentres mantivo a súa actividade, Breton actuou como papa do movemento: admitiu e despediu escritores, puxo cruces, aceptou o comunismo, rexeitou o estalinismo, amou o trostkismo...

Por isto a súa biografía ten un interese especial: en poucas ocasións se teñen cruzado ata ese punto asuntos literarios, políticos e persoais. No relato de Polizzotti a vida de Breton é unha sucesión de descubertas, convivencias e abandonos cuxos protagonistas secundarios son algúns dos mellores artistas do século XX. Louis Aragon tivo que marchar por ser un estalinista convencido —o que remataría por estouparlle na faciana durante o Maio do 68—, Paul Eluard canso das críticas punzantes do seu mellor amigo durante lustros, Antonin Artaud polos seus problemas mentais, Salvador Dalí porque non era comunista e expresaba de feito unha preocupante simpatía polo fascismo —que non semella preocupar arestora...—.

A biografía de Breton nin precisa unhas obras que, en xeral, non envelleceron moi ben nin tampouco testemuños persoais inéditos.

Para Breton todo isto pagaba a pena porque era o prezo da revolución, levada moito máis lonxe da mesma literatura. A devoción ás súas ideas e ao grupo lévao, como amosa Polizzotti, tamén a unha vida de precariedade económica, ao fracaso das relacións sentimentais e, coa chegada dos nazis a Francia, a un durísimo exilio nuns Estados Unidos aos que nunca se adaptou. Como na famosa declaración de Luís XIV, «O surrealismo son eu», podería ter declarado.

Outras biografías de escritores precisan as súas obras e os seus diarios para ter interese. Algunhas chegan a ser áridas pola necesidade de amosar a vida interior duns personaxes que non tiñan moita vida social. A de Breton nin precisa unhas obras que, en xeral, non envelleceron moi ben nin tampouco testemuños persoais inéditos. O biógrafo só ten que seguir as súas pegadas na lama duns tempos tráxicos e apaixonantes, cando arredor del se xuntou unha cantidade de talento poucas veces vista na historia da arte, e responder a unha pregunta sinxela: por que todos eses xenios aceptaron o liderado dun escritor ao que agora apreciamos pouco? A resposta quizais se atope no título dun dos seus libros máis coñecidos, Os campos magnéticos. Ao cabo, Breton atraía e rexeitaba dentro do surrealismo coma se fose un imán irresistíbel.

O surrealismo son eu