Opinión

Unamuno e a contradicción

NICOLAS MASSON de Morvilliers foi un escuro ilustrado e contribuidor a algunhas das obras que seguiron o ronsel da Enciclopedia de Diderot e D’Alembert. Non é demasiado coñecido dentro da pleiade de autores franceses, pero si na historiografía española por ter espertado unha polémica que dura até arestora. Encargado do artigo sobre España para a Enciclopedia metódica, preguntou en voz alta: "Que debemos a España? Que fixo España por Europa?". A resposta implícita era: "Nada"

Ante a imposibilidade de negar o asunto -se non o conseguiu Menéndez Pelayo non o consigue ninguén-, moitos optaron pola resposta humanista: España non aportou á ciencia, pero si ás artes. E ao mellor é hora de rachar tamén con esa resposta, polo menos no que atinxe á literatura contemporánea. Os grandes referentes literarios españois coa excepción de Lorca (Galdós, Unamuno, Baroja, Valle) están en xeral pouco valorados no estranxeiro e con xustiza na maior  parte dos casos.

As súas personalidades, decote contraditorias, pouco axudaron á difusión das súas obras, tal e como se pode apreciar na magnífica —a pesares de certas caídas de ton— biografía de Unamuno asinada polo matrimonio Rabaté, Miguel de Unamuno, subtitulada cun contundente Convencer hasta la muerte. Edita Galaxia Gutenberg nun momento moi oportuno, xa que a última película de Amenábar puxo baixo os focos ao intelectual salmantino.

Xa nalgunha ocasión temos sinalado o grande nicho de mercado e difusión cultural que supón o xénero da biografía, pouco aproveitado en España se nos comparamos con outros países da rodeada. A obra dos Rabaté é unha mostra do potencial que teñen estes ensaios polo peculiar perfil da intelectualidade española de finais do XIX e principios do XX: orixes burguesas como moito, comezos radicais, evolucións contraditorias e finais tráxicos marcados pola morte, o exilio ou a traizón aos valores que debe defender todo humanista.

Ademais do atractivo dos personaxes, investigacións como as dos Rabaté demostran o grande proveito que se pode tirar de arquivos e epistolarios, non por coñecido menos digno de salientarse. As cartas enviadas recibidas por Unamuno dan pistas fundamentais sobre a súa personalidade. Pénsese por exemplo nas que lle dirixiu continuamente unha pesada admiradora arxentina, á que ignorou por completo, e que son un descanso para o lector neste texto, fondo polo demais.

Socialista nos seus inicios, republicano sempre, exiliado a Fuerteventura e Hendaia durante a ditadura militar de Miguel Primo de Rivera…

A contradición dos biografados non axuda aos biógrafos e isto é especialmente notábel con Unamuno e os Rabaté. Unha norma básica para o éxito deste tipo de obras é que deben ter un bo arco narrativo, lerse como unha novela de personaxe e esquecer un chisco que estamos a facer historia. Imponse polo tanto o principio de coherencia no personaxe… e isto ráchase no caso do grande intelectual do 98. Socialista nos seus inicios, republicano sempre, exiliado a Fuerteventura e Hendaia durante a ditadura militar de Miguel Primo de Rivera… como explicar o seu apoio á ditadura fascista dos sucesores de quen o mandara fóra de España? Nin o Rabaté, nin outros historiadores da etapa nin os lectores poden explicar isto e os intentos de xustificar o asunto fan naufragar o final do texto.

Tampouco axudan en nada sobreentendidos que levan a cabo os autores: o feito de que o incidente protagonizado por Unamuno e Millán Astray no paraninfo da Universidade de Salamanca na Festa da Raza de 1936 sexa moi coñecido non fai que se poda omitir. E para sorpresa do lector é precisamente isto o que ocorre: dado que nos últimos anos apareceron testemuños contraditorios sobre quen dixo que e como, os Rabaté furtan un relato definitivo do ocorrido, quizais no punto que para o lector non especialista pode resultar máis interesante.

Comentarios