Opinión

A pegada do 'asasino'

O ADN dunha nena que viviu hai cincoenta mil anos di que foi o froito híbrido de dúas especies humanas, neandertal e denisovano. Outra especie sobrevivinte foi un hobbit da illa de Flores ata hai doce mil anos. A partir de aí, queda unha soa, sapiens. O humano sabio. Cousa notable entre seres vivos, onde baixo o paraugas do xénero perviven tantas especies. Todas as razas, peles, estaturas, cores de pelo e de ollos, linguas, relixións, culturas humanas da aldea global pertencen ao xénero homo e á especie sapiens. Unha soa especie: non hai máis.

O planeta ten catro mil quiñentos millóns de anos. O sapiens leva aquí uns poucos miles. Tempo abondo para se poñer en perigo a si mesmo e á natureza. "Ao seu sangue axexan, destruiranse a si mesmos" (Proverbios 1:18).

A Terra xira ao redor dunha estrela entre catrocentos mil millóns da Vía Láctea, unha máis entre cen mil millóns de galaxias. Que saibamos, é o único que contén vida. E nel, unha soa especie, a nosa, ten influencia desmesurada. Alegre e despreocupada malgasta combustibles e recursos naturais sen preguntarse quen pagará a factura medioambiental. E de saúde, euros, guerras, futuro.

Nin de lonxe soñaban os primeiros sapiens que dominarían a natureza ata protagonizar unha era xeolóxica: o Antropoceno. Longa é a andaina do planeta, curta a epopea dos sapiens. O rei da creación está a converterse nun asasino. O quentamento global ten a súa sinatura. Quen levou a civilización ao cumio máis alto, pode afundila no abismo. A vida depende dun delicado equilibrio que a voracidade do sapiens está piques romper. Unha soa especie está a facer un uso desapiadado do resto dos seres vivos. A tecnoloxía é tan potente que somos un perigo para nós mesmos. Capaces do mellor: progreso asombroso, medicinas, agricultura, comunicacións... e do peor: armas devastadoras, produtos nocivos da industria o da tecnoloxía.

A Terra éche un milagre, case unha anomalía: boa parte das especies desapareceron. Ningunha ten garantida a permanencia. Pero o sapiens é a única capaz de autodestruírse. Tamén de reflexionar e controlar o futuro. Os problemas do planeta son nosos, nosas as solucións. Temos sometido para beneficio propio ao resto dos seres vivos, destruído bosques, erosionado a superficie, debilitado a capa de ozono, transformado o clima, envelenado aire e augas. O sapiens, dono da natureza, señor da creación, éche un rei espido. Vaga por un planeta que lle foi ben sen a nosa efémera presencia. A penitencia do asasino: reconstruílo.

Somos moitos. Estamos a piques de romper o fráxil equilibrio dos ecosistemas. A arca de Noé perde especies emblemáticas mentres unha soa ocupa máis espazo e consume a maioría dos recursos. Miramos no Libro de Familia do Planeta e alí atopamos as pegadas do asasino.

Comentarios