Opinión

O grito urxente da terra

NON SON dez, vinte, cincoenta: son 15.000 científicos advertindo que imos atolados rumbo á colisión coa natureza.

Máis a modiño camiñamos na Praza Maior de Lugo por bosques e sabanas, desertos e glaciares. Ou viaxamos ata illas solitarias. Sonche recunchos do paraíso que recolle a exposición fotográfica do brasileiro Sebastião Salgado.

Hai vintecinco anos, 1.700 científicos de todo o mundo avisaron do maltrato medioambiental protagonizado pola especie humana. Como no conto do pastor mentireiro, ninguén fixo caso. Agora o risco é maior e multiplicouse o número de científicos advertindo do perigo.

Cheas de verdade e dramatismo en branco e negro, as fotografías mostran paisaxes, animais e seres humanos ameazados. E denuncian o modelo económico que destrúe o planeta, aínda verde da vida, aínda azul da auga.

A través destas obras de arte captadas polo ollo máxico da cámara de Salgado o primeiro plano doutros ollos interrogan sobre un sistema de vida absurdo que precisaría de tres planetas para satisfacer a cobiza, para saciar tanta voracidade.

Advirten os científicos que o Acordo de París é irrenunciable para frear a letal emisión de gases que enveleñan o planeta. E sinalan co dedo acusador ao principal emisor, EE.UU. Que este xigantesco país abandoara o Acordo éche noticia tristísima e unha mostra máis da ignorancia do seu presidente: non sabe que non sabe. E mentres, o resto dos países teñen que enfrontar unha revolución enerxética urxente.

De foto en foto camiñamos pola engaiolante natureza virxe. Uns poucos pasos abondan para dar a volta ao mundo, desde a Antártida ata Madagascar, desde a tundra ata o Amazonas. Tanta arte na vida do planeta. Tanta vida na arte. Arte visual na rúa.

Xa nos percatamos que o cambio climático é real. Que bo tempo non é un ceo azul cheo de soles. Que a auga é o sangue da terra. En Galicia fáltanos vida. Fáltanos auga. O sangue da terra non asoma nas fontes, non corre nos ríos nin canta nos caneiros. Percatarémonos do seu valor o día que non saia, abondosa, despreocupada e barata, das billas.

Iso é o que reclaman os científicos na Mensaxe urxente á Humanidade: manter a salvo a vida, respectar os ecosistemas que terman dela. A terra reclama os seus dereitos e denuncia que nos temos convertido nun virus contra a vida, os ecosistemas, os outros seres vivos. Contra o clima.

A exposición Xénese éche un canto de celebración á asombrosa capacidade da natureza para se rexenerar. Tanta beleza, tantas formas de vida perdurarán se somos capaces de mitigar o impacto da voracidade que altera os ciclos da natureza.

Diante de nós a voz dos científicos, as imaxes dos últimos paraísos deste planeta fastoso, fráxil, o único fogar que temos. Cómpre escoitar o berro urxente da terra.

Comentarios