jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

A infinita opulencia do outono

Quen contará as landras que agasalla un carballo? Quen apañará a colleita que alfombra as carballeiras antes de que aos porcos lles chegue o seu san Martiño? Xa está aquí a estación en que os seres vivos grandes e a bicharada miúda enchen o bandullo para o descanso do inverno. Contan coa abondosa despensa gratuíta que ofrece a natureza.

Chega ao seu fin o ciclo da vida que non remata nunca. O tempo do arrecendo das mazás e dos marmelos. Días da risa do zume das uvas fervendo o seu alcohol, antes da súa transubstanciación en viño.

Outono, tempo dos froitos, de apañar co lombo as noces, pequenos cerebros pechados e protexidos no seu cranio de madeira. Chega o tempo das escandalosas castañas, tentando sobrevivir á diminuta avesporiña asiática que lle rouba tanta vida á árbore xusto cando o sangue verde agroma. Abaneados polo vento deixan os castiros escapar os ourizos. As castañas enchen o chan, as cestas, os bandullos. Nin Chanel, nin Dior ou Calvin Klein son quen de imitar o arrecendo das castañas quentes asadas.

Tempo dos cogomelos, as flores do outono, brotando anárquicamente aquí e acolá desde a arañeira subterránea dos fungos. Protexen o bosque e terman da vida, estirando con invisibles brazos as raíces das árbores. Esquivos gnomos que protexen prantas e árbores. Vixías escondidos que avisan do cambio climático. Fungos que se enlazan coas árbores nunha voda simbiótica. Cogomelos que comemos, que papan os animais.

Tempo de outono, tempo de paisaxes. A natureza saca do armario os vestidos máis fermosos. Agasalla con todas as cores verdes, todas as tonalidades do marrón, todo o lume das cores vermellas, toda a gama dourada. E recorda que as paisaxes son unha propiedade social que ninguén debería privatizar, herdanza que pertence en usufructo aos netos.

A xenerosidade infinita da natureza aínda resalta aínda máis enfrontada á voracidade da cobiza humana. A metade do planeta, a casa común, está nas poutas duns Pantagrueles bípedes, duns insaciables Gargantúas. 2.153 milmillonarios posúen máis riqueza que 4.600 millones de seres humanos, o 60% de la población mundial, di Oxfam.

A viaxe das nubes, os temporais do oeste, toda a auga que renova o ciclo da vida, acompañan á fermosa música do vento e da chuvia. Ou esa delicatessen gratuíta que é o silencio no medio do bosque. Despois do "veraniño de san Miguel" para recoller as colleitas, vén o "ramalazo de san Francisco", naqueles almanaques antigos que non sabían de isóbaras e cicloxéneses, para aventar, varrer, lavar, limpar toda a suciedade, o lixo, o feo, o morto, o seco, o inservible, o podre, o innecesario. Para que quede todo así de limpo e perfumado, así de brillantes as cores que nos rodean no medio da infinita opulencia do outono.

A infinita opulencia do outono
comentarios