domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

O bosque infinito

En El bosque infinito, Annie Proulx percorre a saga da cobiza humana na destrución dos bosques boreais ao longo de tres séculos. O bosque, a casa das árbores, a placenta da vida ameazada pola tala indiscriminada. Velaquí a traxedia dun patrimonio da humanidade e dos outros seres vivos. As árbores, os bosques son a casiña sen hipoteca dos paxaros, dos infinitos insectos e plantas do ecosistema, tanta vida miúda que non se ve.

O libro conta a historia de varias xeracións dunha familia de inmigrantes franceses, os Duquet, mimetizados despois como Duke. Deslumbrados polo mar verde que teñen diante dos ollos: o bosque do mundo inmenso e eterno, as árbores incontables. Pero o bosque non é infinito e a explotación madereira masiva en EE.UU. ao longo do XIX así o demostrou. O bosque infinito de Proulx está agora ameazado na Amazonía. Velaí un dos pulmóns do mundo dentro das fronteiras dun país cun goberno que outorga barra libre á depredación salvaxe: o daño afecta a todos, unha minoría monopoliza os beneficios. Uns poucos homes armados con hachas e serras son capaces de eliminar quilómetros cadrados de bosque en pouco tempo. Ecosistemas que agasallan con tanta vida, sen a cuberta vexetal son moi fráxiles. O tempo da natureza éche máis pausado que o do Gargantúa humano.

A saga dos depredadores que segue a escritora medra sobre xigantescas montañas de troncos cortados, de madeira morta, de montóns de dólares. A cega cobiza non ve que a "festa" ten data de caducidade e alguén terá que pagar a paparota das motoserras e agora, co cambio climático, a traxedia do lume.

O cambiar o rumbo. A Gran Muralla Verde que se está a erguer no Sahel contra o avance do Sahara ou a proposta de expertos de plantar quiñentos mil millóns de árbores como sumidoiros de carbono e contra a desfeita climática, son iniciativas para a esperanza. Oxalá acerten porque semella que non aprendemos nada: maltratamos un planeta que vai desaparecendo. Somos autores do noso empobrecemento e unha ameaza contra o planeta. Tamén somos a súa esperanza. Esta masiva plantación de árbores, según a revista Science, tenta incrementar nun 25% a superficie forestal para reducir noutro 25% gases de efecto invernadoiro. Esta proposta, ambiciosa e barata, non substitúe a esixencia de deixar de queimar combustibles fósiles.

A aposta polos xigantes xenerosos ("vale máis unha terra con árbores que o ouro nos bancos!", di Castelao) axudaría a frear a perda de biodiversidade. O bosque virxe está ameazado: a máquina de talar morde máis rápido que a conciencia ecolóxica.

Annie Proulx éche unha voz necesaria contra os maltratadores do planeta. Podemos ser unha suma de voces a favor das árbores. Somos a única esperanza do bosque infinito.

O bosque infinito
Comentarios