Opinión

Por onde queda Mozambique?

NIN IDEA. Aí pola parte de África. A saber se andará deitada nas beiras do Atlántico ou do cálido Índico. Cómpre preguntar a wikipedia.

O certo é que o ollo cego do ciclón Idai foi ben capaz de localizalo no mapa. Petou contra Mozambique causando danos enormes. Ata 600.000 persoas afectadas, centos de miles sen a casiña. A saber cantos mortos. De momento, nun primeiro reconto, quiñentos.

Cousiñas que pasan na casa dos empobrecidos. As desgrazas veñen sempre con moita compaña: mortes, destrución, falta de auga potable e electricidade, estradas cortadas e servizos sanitarios colapsados nun país con infraestruturas precarias.

Ciclóns, tifóns, furacáns, fenómenos atmosféricos que collen no dicionario de sinónimos pero non caben en cabeza humana. Malos ventos que co cambio climático escaparán da caixa de Pandora dunha natureza atolada pola acción humana. Cada vez con máis capacidade de morte e potencia destrutora. Velaí ao virus humano empeñado en enfermar e derrubar a única casa que temos.

A atención mediática nin de lonxe é comparable se o meteoro asasino estoupa na zona da cidade de Beira, a segunda máis grande do Mozambique, ou cando peta nas soleadas e xubiladas praias da Florida, onde tamen ten casa o presidente Trump. En EE UU seguimos puntualmente a furacáns dos que coñecemos ben o nome. E de como van subindo ou baixando na súa errática traxectoria pola escala Saffir-Simpson que clasifica os ciclones tropicais según a intensidade do vento e das desfeitas. En África oriental enterámonos do rastro de morte do ciclón Idai días despois, nas páxinas interiores dos xornais. Foi un dos peores ciclóns dos que se ten noticia en África e en todo o hemisferio sur.

Nos hospitais rotos non se ve aos pacientes. Os sans tampouco son moi visibles. Faltan médicos, hospitais, medicinas, auga para beber, comida. Os cadáveres abandonados anuncian a chegada dos xinetes da apocalipse habitual, tifus, diarreas, enfermidades infecciosas, pneumonías.

As augas estancadas sacan a flote enfermidades endémicas da zona como a malaria e o cólera. E aos deuses de turno tampouco parece que lles preocupen moito as desgrazas dos desgraciados. A necesaria solidariedade individual e as ongs, chegan ata onde chegan: non poden agachar a responsabilidade das nacións e organismos internacionais. E a dos donos da riqueza mal repartida do mundo: USA, UE, China. E mentres, "a mobilización interna no país está a ser exemplar: Cruz Vermella, Goberno, partidos, empresas, Cáritas... están na primeira liña de axuda".

Onde queda Mozambique? Esperemos que os responsables políticos da familia global que chamamos Humanidade saiban de xeografía física. De xeografía humana. E da xeografía da dor que se abate estes días, e os moitos que van vir, sobre Mozambique.

Comentarios