lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Outra vez o cabalo de Troia

SUCEDEU EN Troia, a antiga Ilión. Destruída tantas veces, tantas veces reconstruída. Ao fin, unha colina onde se amontoan tantas cidades que fan as delicias dos arqueólogos.

A Troia do cabalo trampulleiro é a da guerra que Herodoto datou no s.XIII a.C. hai tres milenios. A súa destrución foi posible grazas ao cabalo de madeira ideado por Ulises, experto en artimañas, para introducir un grupo de guerreiros que abrira as portas ao exército aqueo.

Os Ulises de agora, fértiles en trampas, son os Salvini e os brexiteiros, os Orban, os Kaczynski, as Le Pen. E a coalición de aqueos que destruiron Troia ata os alicerces son os partidos con cheiro a fascismo e a xenofobia. Tentan destruír a idea europea e substituila polo crebacazezas de nacionalismos que romperon tantas veces a vella Europa. E a piques estiveron de poñer de xeonllos o planeta enteiro arrasando a idea de democracia.

"Canta, oh musa, a cólera de Aquiles, cólera funesta que acabou con tantos heroes…". Semella o inicio da crónica dunha Europa dividida que tenta, outra vez, escribir o futuro co peor do pasado. E parte do peor do pasado son estes líderes megalómanos, oportunistas, desatentados flautistas de Hamelin levando aos pobos ao abismo. Ou enterrando a idea de Europa nas tebras dun mundo desapiadado capaz de alumbrar personaxes como Putin, Modi, Bolsonaro, Trump. Unha quinta columna que aposta polo supremacismo ou pola relixión como arma de guerra. Axitan medos transmutándoos en odio ao outro, ao estranxeiro. Abominan da casa común, da mellor europa, a dos valores democráticos e dereitos humanos, o do estado de benestar, a das liberdades individuais. Queren volver ás patrias inzadas de bandeiras, rancores, arames. Van xurdindo sátrapas que apostan polo peor nacionalismo, aquí en España pola secesión dos ricos. Muecíns populistas ofrecen á feligresía acrítica dogmas que abominan da creación política, máis lenta e racional. Prometen futuros de leite e mel aínda que haxa que arrincar o mel e o leite das bocas de veciños menos afortunados.

Hai Cassandras ás que ninguén cre, como a filla de Príamo, alertando contra os cabalos de Troia que tentan introducir na casa europea os Salvini, Orban, Trump, Boris Johnson e outros discípulos menores. Contra eles hai que se protexer co discurso da mellor Europa. Afrontando o difícil problema da inmigración. Loitando contra as desigualdades. Construíndo a cidadanía europea. Enfrontándose con valores á gusaneira que podrece a idea europea. Ou unha europa unida, ou outra vez a atomización dramática e cainita que levou a destruirnos no sanguinario século XX.

Non queremos no chan europeo a cólera de Aquiles, nin outros cabalos de Troia, tan semellantes aos que cabalgan os xinetes da apocalipse que ameazaron a Europa.

Outra vez o cabalo de Troia