domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Prendendo en todas as silvas

CHEGA O tempo das amoras. Pero aínda non. As froitiñas están ácedas. Menos para pegas e merlos que coñecen os sitios onde serven a gran paparota. Escollen, claro, as maduras.

Vai chegando o tempo das amoras. E tamén o camiño de retorno a aquel tempo de nenos e nenas, merliños e pegas, que papabamos canto ían producindo as silvas. Amoras acedas, mouras, doces, maduras, tinguindo a lingua, as mans e a roupa co almíbar pegañento e irresistible para desesperación de nais e avoas. E iso que agora sabemos que estes froitos miúdos son unha bomba de vitaminas: A, B1, B2, C, E, ácido fólico, niacina. Sen esquecer os antioxidantes, a lista de minerais que aporta é interminable: potasio, fósforo, ferro, sodio, magnesio, selenio, zinc, cobre, calcio. Vaia coas amoras! Non chegaría unha folla enteira coas propiedades para a saúde.

O dito di: "Vai prendendo en todas as silvas". Dise onde está viva a veciñanza. A xente camiña, sorrí, saúda, para e fala. E volta a camiñar ata outra cara coñecida e a sorrir, parar, saudar, alégrome moito. E falar.

Nas rúas asolagadas de móbiles medran mal as silveiras e non maduran as amoras. Ensumidos nas pantallas un xigantesco desfile de Hamelín camiña tras dos flautistas das redes. Repenicando na pantalla xa non prendemos nas silvas. Rúas e prazas deixan de ser o salón da cidade. Os alégrome de verte, os vémonos despois son máis raros. Amigos, coñecidos, saúdos, palabras e conversas esmorecen tras o cristal das pantallas.

Onde prendemos nas silvas, literalmente, son nas sendas, corredoiras, camiños, arañeira de vida que une e comunica. As silveiras copan con entusiasmo os espazos tapando camiños, estreitando sendas, cortando corredoiras, enchendo as beiras dos ríos e regatos ata ocultar a pouca auga que esvara. Ninguén sabe quen ten que rozar a maleza. Ou si. Sabémolo, pero non están. A natureza asilvestrada vai conquistando a xeografía humana. A xente prende nas silvas. Tenta arrincar as boliñas arracimadas. Parece que están maduras pero aínda están ácedas. Só os merlos larpeiros, tordos comellóns e pegas lambonas saben das silvas máis asolladas, das amoras máis doces. E papan ata rebentar.

Haberá que esperar a que avance o verán que non quere ser verán. Coa calor e os soles enche de azucre as amoras. Como o verán vai mais aló de outubro non hai présa para apañar amoras.

Polo de agora podemos facer o de sempre, camiñar polas rúas prendendo en todas as silvas. É dicir, parando cos coñecidos. Saudando e sorrindo. Alégrome de verte. Ou prender coa roupa nas silveiras invasoras de sendas, corredoiras e camiños que ninguén roza.

Vai chegando amodiño o tempo das amoras. Pero aínda non. Non importa, nas rúas e prazas imos prendendo en todas as silvas da cidade con estatura tan humana.

Prendendo en todas as silvas
Comentarios