Opinión

Relatos de pobreza en España

AS COUSAS van ben ou mal. Depende de onde enfoque o ollo da cámara. Aos altos directivos da alta economía as cousas vanlles obscenamente ben. Con emolumentos, que non salario, ascendendo con fastosa progresión xeométrica. Mentres para a xente do común o salario chámase SMI e progresa pola escuálida escala aritmética contando a pouquiños os euros da suba. Dispendio que escandaliza aos primeiros.

Philip Alston, relator da Onu, enfoca a cámara cara aos vulnerables. Para evaluar os desastres da desigualdade invisible para a macroeconomía e para políticos cando andan no seu. O sistema de protección social, di, está roto e afecta a dereitos fundamentais como o pan de cada día ou o teito que acubilla. Nun país que pertence ao club exclusivo da riqueza, a cuarta parte da poboación á intemperie. E o máis escandaloso, o 29,5% de nenos en risco de pobreza. Datos que concordan cunha taxa de paro que duplica a media europea, 13,7%. Sen entrar en soldos que non chegan a fin de mes. A pobreza, di o relator, éche decisión política. De gobernos tolerantes coa corrupción e a economía mergullada. Que permiten a evasión fiscal dos diñeiros excesivos, xibarizan a protección social e coas súas políticas engordan ás clases altas en plena crise económica. E fan cambalear as tres patas do estado de benestar.

A saber: sanidade pública, a mellor do mundo, xoia da coroa e tesouriño da xente do común. No radar do negocio privado con gobernos que toleran o seu deterioro.

A saber: pensións públicas, salvavidas das familias de fillos e netos. Tamén baixo o apetito desordenado de bancos e plans privados.

A saber: educación pública, ameazada polos que tentan pechar o paraugas que acubilla e todos co pretexto de libertades e dereitos que favorecen a educación dos privilexiados. Convertindo os colexios onde estudan en hospitais que curan aos sanos.

O que contempla o relator da Onu vémolo todos. As dúas Españas, desta volta a rica e a pobre. Unha chea de economía e demografía, a outra baldeira. Na España precaria, que chega ata os arrabaldes da España rica, o problema da vivenda é pavoroso: 2,5% do parque de vivenda social aquí, en Holanda o 30%. O que dispara os desafiuzamentos e ocupacións de xente que non pode comprar nin pagar alquileres abusivos.

O rostro terrible da pobreza é invisible. A fin de contas, os marxinais, os desfavorecidos non contan. Sen máis opción que a supervivencia transfórmanse en prescindibles. Non votan. Non participan na política. Tampouco na vida social.

Por iso abandónase aos abandonados. Medra a fenda das desigualdades. A cega economía engade díxitos aos emolumentos de directivos e conselleiros xiratorios. Ata que chega un tipo da Onu, Philip Alston para relatarnos o que non queremos escoitar da pobreza.

Comentarios