lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Tamén hai desertos verdes

OS DESERTOS tenden a ser monocromáticos na memoria. Avanzan imparables e desertizan os espazos que acaban colonizando.

Hai un deserto azul que ocupa amplas zonas dos mares onde a vida é máis limitada. Mesmo dentro dos océanos hai desertos multicores flotantes onde se amorea a merda do plástico que asfixia a vida.

Os glaciares minguantes, a neve e o xeo dos polos caracterizan aos desertos blancos onde a vida, teimuda, é tan heroica como escasa.

Hai, claro, o máis evidente, o deserto amarelo e ocre, cheo de pedra e area, baldeiro de auga.

En Arxentina e Paraguay a soia ocupa máis do 50% da terra agrícola e gandeira. Este monocultivo está a xerar un deserto verde.

Tamén aquí temos o noso deserto verde que avanza imparable da man doutro monocultivo, o eucalipto. A verde Galicia, paraíso de especies autóctonas emblemáticas e variados ecosistemas cede ante o matonismo da especie alóctona. Chegou ao redor de 1860 da man de Rosendo Salvado. Tui, a patria pequena do freire, viu os primeiros eucaliptos. De adorno nas facendas de xente con recursos a plantación masiva para producir celulosa en terras de xente con poucos recursos.

O eucalipto bebe moita auga, non lle chega a que cae do ceo: fontes e regatos esmorecen ante esta especie que medra rápido. Non é bosque, é plantación que exprime a terra. Poucos seres vivos aventúranse neste deserto verde. Case nunca os paxaros. Éche un deserto silandeiro onde están prohibidos o zunido dos insectos e o canto dos veciños alados.

O comité científico de fauna e flora de ministerio de agricultura decidiu que a árbore chegada das antípodas debe catalogarse como especie invasora. A súa influencia excesiva é letal e perniciosa para os ecosistemas. Quen será o que deseucaliptice Galicia? A infinita, fermosa variedade desta terra está ameazada pola monotonía cromática, voraz, pirófita, invasora do eucalipto.

Copa áreas enormes sobre todo na franxa costeira. E polas características químicas resulta incompatible con outras formas de vida. Non coñece fronteiras ecolóxicas e ameaza espazos protexidos cercando ás especies autóctonas, hoxe un terzo do que ocupaban. Monopoliza abusivamente a terra, o aire, a auga, os espazos e as paisaxes, esa propiedade social.

Esta madeira de crecemento rápido e pouca calidade expulsa, por innecesaria, a xente. Montes abandonados, rural envellecido sen capacidade de rexeneracion demográfica, diversidade ecolóxica ameazada. Exiliadas as vacas, unha mala solución, din os expertos, foi o eucalipto ao que se agarran os propietarios, e fan ben se non lles queda outra, como se fora un cravo ardendo. Porque en verán, coa seca e o nordés, o eucalipto arde moi ben. O deserto verde transfórmase en deserto negro incompatible coa vida. Desertos monocromos. Ao fin, desertos.

Tamén hai desertos verdes
Comentarios