jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Unha pensión de 80 millóns

79,7 MILLÓNS de euros para o expresidente do xigante bancario. É improbable que participe na revolta dos pensionistas. Ademais desa cantidade obscena ten asegurada a pensión máxima, 2.600 euros. E iso que é dos que alertaba do perigo da suba das pensións para a arquitectura económica do país.

Xa tiña avisado Oxfam de que os donos da riqueza do planeta collen nun bus. Co delirante proceso de acumulación das multinacionais, en 2019 precisarán só dun microbús. Un tal Bezos, o de Amazon, que ten en folga aos traballadores do centro loxístico de Madrid, ten unha fortuna persoal de 128.000 millóns de euros, máis que o presuposto anual de moitos países.

Así que a xente do común, con poucos coñecementos macroeconómicos pero abondos en oikonomía ou goberno da casa, bota as mans á cabeza preguntando como poden gañar tanto os reis da xungla do diñeiro. Aquí, os directivos do Ibex subiron as retribucións un 43% entre 2014-2017, e só o 4% para o personal de tropa das mesmas compañías. Estes executivos, como Cassandra, alarman contra a insostible suba do salario mínimo e das pensións mentres engordan as súas cartillas de aforro. Tanto, aquí e acola, que ata o Financial Times acende luces de alarma contra os excesos retributivos dos consellos de administración.

O noso banqueiro leva nos petos unha pensión de imposible xustificación. Ninguén, nun mundo de carencias dramáticas, pode embolsar impunemente 80 millóns. En 2002 outro altísimo directivo do primeiro banco foise con 108 millóns. En 2013 pagou a outro 88,2 millóns.

Tanta acumulación en tan poucas mans leva ás palabras de profetas irados clamando no deserto contra esta praga de langosta. Ou ata un tal san Xerónimo, un dos pais da Igrexa, que aló polo s.IV alertaba de que toda acumulación excesiva de bens provén dun roubo. Pero no pequeno planeta impera o dogma neoliberal e a súa desapiadada aposta pola desigualdade. En 1980, a diferencia de salario entre o que máis gañaba e o soldo medio nunha empresa era de 42 veces. Hoxe, multiplica por 354 o soldo medio. E a fenda vai a máis.

Mentres a xentiña fai buratos no cinturón da austeridade, chega mal a fin de mes ou papa frío na casa, os 200 CEO mellor pagados andan polos 17,5 millóns anuais. Aquí, no Ibex os altos directivos embolsan 4,2 millóns anuais nun país onde os mileuristas son privilexiados. E non semella haber freo económico, nin político, nin sindical, nin moral para tanta depredación.

Conseguidas algunhas reivindicacións, os pensionistas enrolan as pancartas. Detrás delas estaban os que manteñen a oikonomía do país, e terman das familias de fillos e netos, e pagan as facturas no supermercado. Non estaban alí os CEO, os directivos do Ibex ou este señor de 75 anos que vén de cobrar 79,7 millóns. De euros.

Unha pensión de 80 millóns
Comentarios