Opinión

O único fogar que temos

"Desde o espazo só se ve unha Terra. Non hai fronteiras nin relixións" di R. Ewald, físico e astronauta. Se poidera ver seres humanos non se decataría da cor da pel que visten. Tampouco os rostros de bufóns excesivos, tipos autoritarios que desde o poder envelenan as relacións de veciñanza e poñen en perigo o planeta. Éche o fogar que temos: verde da vida e azul da auga, o único habitable que coñecemos.

En 1990 foi fotografado pola Voyager I. A petición do astrofísico C. Sagan enviouse un sinal de radio para que, nos bordos do sistema solar, enfocara a cámara cara á Terra: 'un punto azul pálido', a 6.000 millóns de quilómetros. Unha faragulla de materia e soños perdida no espazo. Maltratada pola única especie intelixente do planeta, incapaz de vivir en harmonía con case un millón de especies animais catalogadas dos 7,7 millóns que calculan os científicos. A cobiza humana está a poñer en perigo de extinción moitas delas.

O homo sapiens está a protagonizar o Antropoceno, a era do excesivo impacto dos humanos sobre o clima e os ecosistemas terrestres. É como se todo o planeta, ecosistemas, mares e augas, recursos, existiran para unha soa especie, a nosa. E ás veces comportámonos como lobos cos semellantes. Homo hominis lupus. Guerras e destrucións en conflitos enquistados alí onde "só os mortos viron o final da guerra", recorda Platón. Irak e Siria, Iemen, Libia... Onde os culpables sempre escapan e os inocentes sofren.

Dentro da especie humana as cousas están mal repartidas. 60 megarricos que collen nun bus posúen a mesma riqueza que a metade da humanidade. E cada ano precisan un máis pequeno. Explícao o acedo refrán: "Lobos somos e arredor do rabaño andamos".

Coñecida é a "parábola da vida humana que imaxina a Humanidade como un pobo de 100 familias. Delas, 65 son analfabetas. 90 non falan inglés. 70 carecen de auga potable. 80 nunca subiron a un avión, 7 son donas do 60% das terras, consumen o 80% da enerxía e gozan de todos os luxos. 60 amoréanse no 10% da superficie. E só unha ten algún membro universitario".

A fermosa utopía que nos ve nacer libres e iguais recoñece que uns son máis iguais que outros. E iso que, recorda o filósofo grego, "nacer é chegar sempre a un país estranxeiro".

Nalgún momento teremos que parar. Se crecer sempre se converte en dogma planetario moitos quedarán nas beirarrúas dos prescindibles. E conducirá a conflitos na disputa pola riqueza e mercados.

Non haberá perdón para os que abusan cobizosamente do planeta e explotan os recursos sen consideración da súa limitación e valor. Os que saben e non actúan son os culpables.

Estamos a tempo de abrir os ollos, asombrarnos de todo o que existe e rodea. Mantendo limpa a casa. Respectando o fogar que non nos pertence. O único que temos.

Comentarios