lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

A sombra da cruz

Aretha Franklin foi a raíña absoluta do soul. Diva e espiritual, naceu no seo dunha familia de artistas e un pai predicador. Os traumas vividos afiaron o seu talento até chegar ao máis alto. Polo camiño, deixou unha xoia inesquecíbel do gospel: Amazing Grace.
imgData
imgData

ASPIRAMOS ao maxestoso, pero con frecuencia encontramos o contrario: o mundo é belo pero ruín, algunha xente é desalmada e pouco o noso tempo na Terra. Andamos perdidas, buscando unha resposta que non sabemos a unha pregunta que ignoramos. Así que imaxinemos ese lugar sen nome, coma un río: un río de diversión, fe, amizade, perda, enfermidade, amor, desexo, e dor.

Por el baixou un día Aretha Franklin, probando todos os sabores das súas augas. O prodixio da súa voz, arraigada nas voces devanceiras do blues e a ansia de luz do gospel ancestral, cargaba todo tipo de traumas imaxinábeis que afiaron o seu talento e avivaron a súa luz: trunfou como nena prodixio nos anos 50 e acadou o estrelato nos últimos sesenta, asinando por Atlantic. Daquela entregouse aos praceres e aos excesos e exerceu de diva: podía cancelar concertos sen previo aviso e atravesar os vestíbulos dos hoteis cargada con cubos de churrasco para a súa banda; gravou e competiu con todas as estrelas da música estadounidense. No ano 62, nunha vella igrexa, estivo a piques de abrir as portas do ceo con dúas noites de concertos de música gospel que diluíron a fronteira co pop e o soul. Fixo historia. A cinta da gravación, obra de Sidney Pollack, estivo oculta máis de corenta anos: Amazing Grace.

Hai un vello éxito de Solomon Burke, o rei do rock and soul, que se titula Detroit City e di: "A última noite fun durmir a Detroit". Pero algunha outra xente aínda tiña gana de festa nese mesmo lugar...

Un predicador subiu de madrugada erguer as súas tres fillas. Quere que lle canten á xente convidada. Cando as crianzas baixan ao salón, fregando aínda nos ollos, a escena non é menor: Art Tatum, o lendario pianista dun só ollo e catro mans, improvisa uns acordes sobre os que canta Dinah Washington e, agora, farán o propio Oscar Peterson e Ella Fitzgerald. "Onde está papá?", pensa a nena. Nunha esquina, o pai terma de Sarah Vaughan —outra estrela da canción— e, de paso, tenta abusar dela. Dende un recanto, un tipo de traxe con pinta de proxeneta non lle quita ollo á nena Aretha: chámase Ted White e, algún tempo despois, será o seu primeiro marido e representante, nunha das épocas máis turbias e difíciles da cantante, xa nos sesenta, xusto antes da súa eclosión definitiva no 67. Facede o que digo, non o que fago. Iso era o que o predicador C.L. Franklin acostumaba dicirlles ao seu fillo Cecil e ás súas tres fillas: Erma, Aretha e Carolyn.

A nai, a cantante de gospel Barbara Franklin, abandonaría a casa familiar no 48 pero, antes de marchar, iniciara a súa filla no piano e o canto

Uns anos antes, en Memphis, o afamado ministro baptista predicaba tamén pola radio, nun programa titulado A sombra da cruz: ofrecía himnos de inspiración, mensaxes para unir a negritude do sur, aliviar a discriminación racial e concienciar a audiencia branca coas problemáticas da poboación negra e os seus logros.

Pero non só, a sombra era certa: o pastor deixara embarazada unha nena de 12 anos da súa propia congregación. Uns anos despois, a súa propia filla, Aretha Louise Franklin (nacida o 25 de marzo de 1942), a mediana de tres irmás, correría a mesma sorte cun compañeiro de escola. Aretha tamén tiña só 12 anos. Dous máis tarde, con 14, volvería sufrir a mesma experiencia. A nai, a cantante de gospel Barbara Franklin, abandonaría a casa familiar no 48 pero, antes de marchar, iniciara a súa filla no piano e o canto. Barbara era unha reputada pianista e acompañaba habitualmente a Mahalia Jackson, amiga da familia e coñecida como a Raíña do Gospel naquel tempo.

Algúns anos despois, con sucesivas mudanzas a Boston e Detroit, súa nai morreu e Aretha buscou a figura materna; primeiro, en Lola Moore, parella do pai e que tamén marchou, e, despois, en Clara Ward, doce anos maior ca ela e outra estrela absoluta da canción gospel que daría para un libro enteiro ela soa. Carmen Mc Rae dixo que "o blues é o puto carallo, non se che deixa domar. E para min, só o domaron dúas persoas, ninguén máis: unha foi Billie Holiday. E a outra foi Aretha Franklin".

"Aquí en la iglesia cantando himnos/ trescientos salmos siempre los mismos/ un día de pronto me desmadré/ y dije algo: Yo dije Yeah!/ [...] Todos a coro con el ministro/ dijeron: Yeah! Dijeron Cristo/ los feligreses mueven los pies/ y dicen algo, dicen: Yeah! Yo dije: Yeah, yeah. Dije: Yeah!  Yo dije: Yeah!…" Estes versos, apartados da ortodoxia e, cantados por Miguel Costas e Julián Hernández —formando xuntos con Siniestro Total—, deberan axudarnos a erguer a modesta escenografía desta historia.

Agora traiamos ao primeiro plano esa fermosa e escangallada igrexa baptista. O ambiente vibra dentro, quedou xente fóra

Así que xoguemos ao cine e improvisemos no calendario os últimos anos 40 en Memphis, Tennessee: unha mancha marrón de casas brancas e ladrillo aparecendo entre as nubes, bañada polo Mississippi. Imaxinemos agora unha rúa terrosa baixo o sol do domingo á mañá. E poñamos tamén dúas nenas cos pés descalzos, correndo. Sigámolas esquivando o corpo adormecido dun borracho, tirado á porta dun club de Main Street, aínda na bebedeira e co blues do sábado á noite zumbándolle na cabeza.

Agora traiamos ao primeiro plano esa fermosa e escangallada igrexa baptista. O ambiente vibra dentro, quedou xente fóra. Pois a concorrencia quere ver e escoitar a filla do predicador. Pero, namentres as meniñas van ao lateral da igrexa e botan un ollo polo buraco da parede, deixemos que fale o cego: é Ray Charles, mirando ao lonxe e falándonos do circuíto da música gospel, que Aretha percorrería con seu pai e súas irmás na súa infancia e adolescencia: "Aos gatos tamén lles gustaba andar cos gatos e aos pitiños cos pitiños e se despois se mesturaban todos, tampouco ninguén tiña problema. O pobo de Deus dáballe duro e a feito en moitos sentidos. Non había onde durmir e acababas en calquera casa... Andaba a xente moi solta. Alguén me dixo que os ministros, nas igrexas onde cantaban, non sabían deses amaños pero... carallo! Máis dunha vez souben dalgún que aparecía na casa querendo tamén algo de acción!".

Ei, que vai falar o pastor! E ninguén sabe dicir ben de que fala, pero fala coma se estivese cantando. Fala de música. Colle a palabra na boca e non a solta, déixaa rodar e apértaa coa lingua. Entón estoupa e axítase, e as mulleres comezan a saudar, berrando entregadas. E despois cantou súa filla, a Aretha: parecía unha nena perdida, calada. Os seus ollos estaban asolagados de tristezas. Pero cando ergueu para cantar, aquel son saíu, foi coma se pasase un picapeixe coas súas plumas azuis por riba do cruceiro. A nena rebordaba blues e evanxeo, pero viñan nun aire de espanto, coma se non fosen dela. Cando rematou, as nenas que miraban polo burato da parede, víronlle caer unha bágoa. Era como se buscase a nai, ofrecíanselle nais a ducias, pero alí non tiña ningunha.

Continuou sempre nun nivel moi alto, pero non contou, nin coa racha gañadora do comezo nin cos produtores axeitados

A carreira de Aretha a partir dos 80, até a súa morte hai tres anos, continuou sempre nun nivel moi alto, pero non contou, nin coa racha gañadora do comezo nin cos produtores axeitados. Probabelmente acusou, tamén, a súa condición de muller; outros, con moito menos, foron ben mellor tratados.

Malia todo, distinguiuse especialmente polo seu activismo —tivo moita relación con Marthin Luther King— e gardou sempre certa militancia demócrata —apoiou a Kennedy e cantou na toma de posesión de Obama, por exemplo—. Say a little pray for you, Respect, Think ou You Make Me Feel (A Natural Woman), son algúns dos éxitos máis obvios para o gran público. Pero cómpre buscar outros aromas, xa sexa no directo do Fillmore ou nesa xoia de gospel que é Amazing Grace. Ver esa gravación e non chorar é case imposíbel, palabra de ateo: no abandono humilde de Aretha ao canto, nas súas notas máis agudas, na presenza vulnerábel do seu escudeiro James Cleveland como mestre de cerimonia, o coro entregado e no éxtase, Jagger e Watts entre un público en trance, Clara Ward desmaiándose na primeira fila, o pai de Aretha chorando, esa igrexa escangallada, Never Grow Old ou Amazing Grace... Un presinte o maxestoso que nos falta moitas veces na vida, algo que non se deixa revelar, a intuición de que pode haber algo máis, a nosa natureza nobre e despoxada, querendo elevarse en algures... A dor e a felicidade de vivir no seu estado máis puro e feito música. E a xente dixo algo, dixo: Yeah!

Amazing Grace
Os case dez minutos que lle dan nome á cinta ou Never Grow Old xustifican sentarse a ver esta peza que a cantante non autorizou en vida, pois a gravación corresponde a un dos días menos atinados de Sydney Pollack. O resultado é sinxelamente abraiante

A sombra da cruz
comentarios