Opinión

De rocker a clásico

Loquillo é hoxe historia viva do rock and roll. Con case sesenta anos, este artista iconoclasta que puido ser estrela do baloncesto, vive a súa mellor época artística, logo de coñecer por varias veces o recoñecemento masivo, tanto en solitario como acompañado de Trogloditas. Sen mirar atrás, pero sen perder detalle, vén de sacar un novo disco, El último clásico, un traballo fiel á música que o define e que comezará a defender e celebrar en directo ao longo de 2020
Loquillo
photo_camera Loquillo

FAREMOS arrancar esta película na Barcelona dos últimos anos setenta. No 73, morrera o poeta Cirlot. No 74, estreárase a película American Graffti; no 75, morrera Franco. No 76, Lou Reed publicara Coney Island Baby. E chegamos ao ano en que morreu Elvis. 1977. Nese mesmo ano ten lugar o regreso da Pasionaria e de Alberti logo da ditadura. E Mink Deville publica Cabretta.

O avance dos fotogramas deste filme rebélanos o protagonista da nosa historia en branco e negro. José María Sanz (1961), máis coñecido como Loco e posteriormente Loquillo, alcume co que o bautiza o seu compañeiro de equipo, Epi, logo convertido en lenda do baloncesto. O Loco é por aquel entón un rapaz alto e delgado, promesa do baloncesto, seareiro do rock and roll de Buddy Holly e de Crazy Cavan. A través da fiestra da súa habitación no barrio do Clot ve, coma unha sinal, os trens chegaren e irse, unha e outra vez. Pasa tardes enteiras vendo un ciclo de Bogart no cine Arkadin.

Un día diríxese á Rúa Hospital 94. As dependencias de Gay & Company, albergan a mellor tenda de discos da cidade e a oficina de contratación de Gay Mercader, o promotor que trouxo por vez primeira os Stones a España. Mercader é sobriño de Vittorio de Sica e do asasino de Trotsky. Alí, Loquillo colga no taboleiro de anuncios unha nota: Busco rockers para montar una banda de r’n’r clásico. Hippies abstenerse.

Confía no éxito da súa convocatoria, pero ninguén responde ao cabo de dous meses. Recibe unha soa chamada, interesándose polo anuncio: a dun rapaz máis ben baixo e fan de Little Richard, que afirma cantar coma Elvis Presley. Chámase Carlos Segarra e, anos despois, será o líder de Los Rebeldes. Aos dous gústanlles os cómics de Gilbert Shelton e Robert Crumb, o punk, as cuadrillas e a noite.

Nalgún momento xorde a posibilidade de que Loquillo actúe nas festas do seu barrio e os dous montan un efémero grupo, Teddy Loquillo y sus amigos, preparando catro cancións. A cousa non dura pero intúen un camiño. A acción ten lugar polas mesas da cervexaría Marienbad e nos xardíns da Universidade Central, por onde aparece Teo Serrano, un baixista seguidor de Sid Vicious e de Eddie Cochran. Da súa man, Loquillo coñece nunha festa de rockers a Sabino Méndez, guitarrista e escritor con pinta de mod.

Comezan a ensaiar e montan Los Intocables. A xente do negocio xa reparara no aspecto e na vestimenta daquel rapaz de case dous metros e cando é preguntado por se posúe un repertorio co que gravar un disco, afirma que o ten e é extensísimo. Mentira. Axiña avisa os outros e, no prazo dun mes, xuntan as cancións do que será o seu primeiro disco, Los tiempos están cambiando. Hai influenzas de Phil Ochs, Bob Dylan, o rockabilly... Loquillo aparece con Esto no es Hawai e Sabino Méndez chega con Rock and Roll Star. Na cocteleira do tempo, un combinado sintético de cincuenta anos de influenzas xuvenís, das que conseguen licuar unha importante gota de orixinalidade e carácter propio. Non teñen nin vinte anos. Chámanlles punks, pero acáelles mellor outra palabra: vándalos. E poucas palabras hai mellores para definir un artista. Teddy boys e rockers, delincuencia, experimentación. Vida. Terá lugar un lustro irrepetíbel, de 1977 a 1982, malia que entre o 81 e o 82 Loquillo cumprirá o servizo militar na Marina; entre os destinos, Ferrol. Pola radio do buque soan as cancións do disco e a fama do grupo medra na súa ausencia, malia que se desfán.

Para o seu regreso, Sabino reúne o baixista Josep Simón, o guitarrista Ricard Puigdomènech e Jordi Vila, batería. Nacen Loquillo y Trogloditas. O cantante comeza a viaxar asiduamente a Madrid. O grupo é recibido con curiosidade e camaradaría. Son diferentes ao resto pero respectados, viven na rúa. No 83 publican El ritmo del garaje e os 80 transcorren entre sucesivos éxitos, vida noctámbula, xiras multitudinarias, adiccións e a fichaxe polas multinacionais. O diñeiro entra a eito. Unha noite actúan en Xixón e á seguinte en Huelva. Á outra no País Vasco. O Loco desenvolve unha curiosa habilidade: tanto ten a hora a que se deite, é quen de espertar xusto antes da actuación. Chanel, cocaína y Don Perignon. Unhas 180 galas nun ano e durante tres, a vida salvaxe da que o cantante afirma non lembrar practicamente nada. Sabino Méndez abandona o grupo no 89 entre problemas persoais e a adicción á heroína. A finais do ano 90, un vello amigo de Loquillo, un motorista dos Anxos do Inferno coméntalle que aquelo non ten moito xeito, alguén lle está fodendo o diñeiro: o seu mánager vai nun deportivo branco namentres el está feito unha merda. Alí decide poñerlle fin á xira e a toda unha etapa.

Loquillo é unha persoa cunha fame voraz por descubrir e coñecer a literatura, o cine, a música

O contacto co músico e compositor Gabriel Sopeña, na primavera do 91, inicia un novo tempo na evolución artística de Loquillo. Sopeña di que se encontra cun coche de fórmula 1 sen ninguén ao volante. Pero neste tempo acentúase o que fixera posíbel todo o camiño anterior: unha persoa cunha fame voraz por descubrir e coñecer a literatura, o cine, a música. Ao tempo, mantén vivo sempre o amor polo rock e fai efectiva a sentenza de Bresson, falando da filmación: "Monta a túa película ao tempo que a filmas".

Realiza sucesivos achegamentos á poesía (Luis Alberto de Cuenca, Benedetti, Lorca, Borges, Pere Quart, Joan Salvat-Papasseit), facendo xiras con Sopeña en pequenos teatros e en formato acústico, compaxinando as comparecencias con Trogloditas. Nesta década aparecen La vida por delante —en alusión ao poema de Gil de Biedma—, Con elegancia —en homenaxe a un poema inédito de Jacques Brel—, Compañeros de viaje ou Nueve tragos, un dos discos máis divertidos desta época. Este proceso de indagación esténdeo a outras disciplinas, e o feito de frecuentar outros círculos e compañías confírenlle matices e unha calidade superior aos textos e ás propostas musicais, que inclúen adaptacións de Johnny Cash, Kris Kristofersson e coqueteos co jazz. Esa ambivalencia depuradora entre a alta cultura e a frescura e forza do rock vai ser un dos trazos distintivos que posteriormente abra, xa no século vinte e un, a mellor etapa de Loquillo. Antes terá tempo de renderlle homenaxe no 97 ás grandes figuras do rock en Compañeros de viaje —o finado burning Pepe Risi, Jaime Urrutia ou Carlos Segarra, entre outros—.

No 2000 retoma a actividade cos Trogloditas e grava Cuero español, iniciando a colaboración con Jaime Stinus, unha figura fundamental desta época. No 2001 grava Feo, fuerte y formal, que lle dá título tamén a un dos seus hits, titulado así en homenaxe ao epitafio de John Wayne. Comezan de novo os problemas malia o éxito de público. Aparecerá o xixonés Igor Paskual en escena, fiel escudeiro até a actualidade. Loquillo incorpórao á banda. A mellor banda de Trogloditas: con Igor Paskual, Jordi Vila, Xavi Tucker e Josep Simón en baixo.

Nesa mesma época escribe a novela ‘El chico de la bomba’, que indaga na figura do seu pai durante a Guerra Civil e este traballo deriva na realización dunha banda sonora para Mujeres en pie de Guerra, documental sobre as mulleres na Guerra Civil da súa compañeira e cineasta Susana Koska. No 2003 gravan Arte y ensayo, un gran disco. Xa non está Xavi Tucker e incorpórase Jaime Stinus á guitarra e á produción e incorpórase o gran Guille Martín, finado anos despois, unha lenda do rock, pola entrega e simpatía que espertaba entre os fans. A morte de Guille Martín supón un momento de ruptura cos Trogloditas, logo da gravación do directo Hermanos de Sangre. Decidido a romper definitivamente coa banda, recibe a oferta de tocar como teloneiro dos Rolling Stones e de The Who. Para pechar este ciclo, chama a Sabino Méndez logo de máis dezaoito anos sen tocaren xuntos. Recuperarán a amizade e as colaboracións, que se prolongan até hoxe.

Ten recoñecido que foi Gay Mercader quen lle ensinou a manexar e dirixir por fin a súa carreira

Balmoral (2008), a súa segunda novela Barcelona Ciudad, La nave de los locos (2012), Código rocker (2015), Viento del este (2016) e agora El último clásico (2019) pertencen a unha época dourada e inmellorábel, a aposta final, que se corresponderá no tempo cunha remontada insólita e memorábel de Loquillo, artista totalmente consagrado e celebrado xa por novos exércitos de seguidores.

Como proposta espectacular, musical e escénica, Loquillo hoxe transcende o propio personaxe e é un concepto moito máis global, comparecendo en xiras cada vez máis longas, máis coidadas e concorridas. El ten recoñecido que foi Gay Mercader quen lle ensinou a manexar e dirixir por fin a súa carreira, acompañado de bos equipos e xente con talento. Hoxe parece ter bastante que ver nesta progresión o feito de estar rodeado de amigos escritores, músicos e letristas con quen avanza na elaboración dos novos materiais. Tamén a sabia man de Jose Lapuente como manager na sombra, ao servizo dunha misión de vida. A dun artista que non dá o brazo a torcer con case sesenta anos. O nivel de entrega, calidade e forza do Loco e da súa banda no directo non é algo doado de encontrar. Tanto ten se son as festas patronais de Cedeira, o Teatro Real ou o Wizink Center de Madrid. Sempre busca a túa mirada.

Laurent Castagnet á batería, Igor Paskual, Josu García e Mario Cobo —abandonou hai un mes a formación— en guitarras, Alfonso Alcalá no baixo e Lucas Albadalejo en teclados son a banda coa que Loquillo compareceu nestes últimos anos en concertos cada vez máis coidados, trepidantes e espectaculares. É case imposíbel non sentirse inquirido pola enerxía e carisma que o Loco desprende en cada fraseo, baile ou intervención. Hai algo épico, a teima en reivindicar o valor do rock and roll como a viaxe da aventura a un planeta do entresoño. A entrega, o compromiso, a amizade, a linguaxe de resistencia e guitarras e ritmos que nos acompañarán ata o final. Como o fixo? Probabelmente só o saiba el.

O carisma é unha das forzas transcendentais do social. A outra é a beleza. O carismático é algo que non se pode aprender ou obter. A independencia de criterio, o individualismo e a disidencia non son valores aceptados facilmente. Na distancia curta, encontramos en varias ocasións unha persoa enormemente educada, divertida, coidadosa nos detalles, afectuosa coa súa familia e cos membros do seu equipo. Non sabemos ata onde chegará a aposta, pero pódese agardar calquera cousa dun crente do Clot, o último clásico nun filme de Cassavettes. E de novo, outro aforismo de Bresson: «Filmación. Nada que secretamente ti non esperases». Fundido en negro.

El útlimo clásico
Letras de Gabriel Sopeña, Marc Ros, Santi Balmes, Leiva ou Carlos Zanón, entre outros, combínanse con textos do propio Loquillo e guiños a Luis Alberto de Cuenca, onde destacan por dereito propio El último clásico, Creo en mí ou Los sonidos son ideas. Un tratado de actitude, claridade de discurso e mensaxe para os fieis.

Comentarios