Opinión

Electrocutados en Waterloo

O pasado mes de xuño cumpríronse 50 anos da publicación de Lola, un dos éxitos do grupo británico The Kinks. Ray e Dave, os irmáns Davies, lideraron nos 60 unha das bandas máis importantes da invasión británica, eclipsados sempre polos Stones e os Beatles. Pero Ray Davies é un dos mellores letristas do rock e canda Dave asinou pezas inmortais como You really got me, Waterloo Sunset ou All day and all the night
The Kinks
photo_camera The Kinks

Todos los santos que aquel último año de adolescencia mío iba a ser el disloque. Sí, chico, viniera lo que viniese, aquel último año de mis sueños de adolescente lo iba a pasar en busca de placeres y fantasías. Lancé tranquilamente el vaso al escenario apuntando a la cabeza del batería y luego ella y yo nos miramos. Mierda, Tim, ¿me oyes? ¿Cuándo dejarás de vomitarte en los pantalones?".

É unha das primeiras páxinas de Principiantes, de Colin MacInnes (Editorial Anagrama). A novela, publicada orixinalmente en 1959, adiantaba a ola cultural e musical que revolucionaría a escena no Reino Unido na década dos 60. Protagonizaríana grupos coma os Beatles, os Stones, os Who, Dave Clark Five, Hollies, Small Faces e… The Kinks. Unha das bandas fundamentais do que se deu en chamar o Swinging London. Todos conquistarían os Estados Unidos, con desigual fortuna, na invasión británica, copando en pouco tempo os primeiros postos das listas norteamericanas.

1963. No interior do Clissold Arms, un obreiro saca unhas libras do peto, ponas sobre a barra e paga as súas pintas de cervexa. Sae fóra do pub, onde remata a xornada laboral cego coma unha cuba. Achega o vaso á boca e de súpeto sinte unha explosión.

Dave, un rapaz de 16 anos, afeccionado á xogar cos cables, tocou un acorde da súa guitarra e saíu voando polos aires. O parqué do salón do número 6 de Denmark Terrace renxeu. Saltaron os fusíbeis e foise a luz. O estoupido sentiuse en todo Muswell Hill. A nai achégase correndo e ve o seu fillo inconsciente, caeu electrocutado. O rapaz decidira intervir tres amplificadores pero non lle saíu ben o experimento.

Ou non tan mal como se podería pensar. Porque algo máis tarde, cando volve a luz, o experimento funciona. O rapaz arranxara o curtocircuíto e resgara a rexa dun dos altofalantes cunha coitela de afeitar. Entón encontrou o son que buscaba para a súa guitarra: sucio pola distorsión, furioso, eléctrico. Velaí o estaba. O paso previo para chegar ao riff de You really got me. Un dos éxitos máis grandes dos Kinks, que aparecería ao ano seguinte, no 64. O autor da canción era o irmán de Dave, case 3 anos maior, Ray. "Sen a achega de meu irmán á guitarra non tería sido nada", diría despois o letrista.

Dentro da cabeza de Ray Davies, sempre existiu, segundo el mesmo, un club imaxinario, o nirvana do surrealismo musical, onde poder tocar e chegar ao centro da noite

Dentro da cabeza de Ray Davies, (Londres, 1944) sempre existiu, segundo el mesmo, un club imaxinario, o nirvana do surrealismo musical, onde poder tocar e chegar ao centro da noite. Alí, nun misterioso escenario subterráneo, que el ten nomeado moitas veces coma o Riff Club.

Nel foi onde encontrou o primeiro riff auténtico da súa vida, o que deu pé á letra de You really got me. Segundo Pete Townshend, de The Who, outro dos grupos que explotaron por aquel entón, Ray Davies fundou unha nova poética no rock, que fixo del un dos letristas máis finos de todos os tempos. Este xenio inestábel, propenso á depresión, axiña se erixiu nun ácido retratista da sociedade contemporánea: o costumismo, o cotián, o individuo.

Dave e Ray eran os máis pequenos de oito e tiñan seis irmás maiores. Despois, súa familia mudárase ao norte de Londres fuxindo dos bombardeos dos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. De cativos acostumaban xogar a indios e vaqueiros no lugar onde caera unha das bombas. Dende os 10 anos, Ray colléralle gusto a inventar historias dos personaxes que vía pasar pola rúa.

1957. Ray Davies cumpre 13 anos e súa irmá René agasállao cunha guitarra española. Na radio da familia soaban os temas de Cab Calloway e as baladas de Hoagy Carmichael. Os irmáns descubriran tamén nas ondas a Lead Belly, Big Bill Broonzy ou John Lee Hooker, algunhas das súas influenzas confesas. Máis ao día seguinte do agasallo, súa irmá René morre. Ela vivira unha tempada en Canadá e enviáballes os primeiros discos de rythm and blues.

O seu son, baseado en parte no hard rock, influirá posteriormente a bandas de garaxe así como o punk

O adolescente Ray experimenta a depresión
Será a primeira de moitas. Na escola, deixa de falar por un tempo. Pero alí mesmo, comeza a acudir a clases de guitarra e comeza a tocar canda seu irmán pequeno. Será tamén a primeira de moitas. Alí coñecen a Pete Quaife (baixo) e John Start (batería), con quen formarán o primeiro grupo. O Ray Davis Quartet. Comparecen habitualmente para tocar no Clissold Arms, o pub enfronte da casa. Fan versións dos éxitos da época, Elvis e influenzas do music hall da televisión británica. Pero é unha actuación en 1964 no Pub Camden Head a que os lanza. Nese mesmo ano John Start é substituído por Mick Avory, completando a formación definitiva. No verán, cancións como You really got me e  All day and all the night chegan ao número un no Reino Unido e ao sétimo posto en USA. E en outubro aparece o seu primeiro disco, The Kinks.

O seu son, baseado en parte no hard rock, influirá posteriormente a bandas de garaxe así como o punk. Mais no ano seguinte, o seu estilo suavízase e da man de Ray Davis entregan cancións que se convertirán en clásicos: Tired of waiting for you, Set me free ou See my friends, onde se rexistra por primeira vez o uso dun sitar no rock —Ray vírallo tocar a un hindú na rúa—. No verán do 65, co maior dos Davis xa casado, o grupo cruza o Atlántico no reservado dun avión á conquista de América, tentando vencer o jet lag coa bebida e pílulas varias.

(Aviso do autor: vostede lerá agora unhas liñas reservadas ao xa clásico descontrol no arduo camiño do rock and roll. Exemplo: tentar xuntar as notas na guitarra indo cego e con lentes de sol).

Un dos atractivos dos Kinks era a súa posta en escena, sendo teatral sen pretendelo. Nos USA o grupo descubre as verdadeiras tendas de disfraces, pistolas falsas que soan coma as reais sen descoidar tampouco a formación continua, resumida por Dave Davis: "Sempre encontrei unha conexión moi acentuada entre a miña guitarra, as mulleres que ían ao concerto, a actuación e o sexo". Que Ray Davis non se tiña de pé?

Apartábanse para deixalo caer e seguían tocando coa metade do público riba do escenario.... Que entre bambolinas John Lennon facía que non coñecía? Ía Dave ofrecerlle unhas hostias. Podían soar ásperos coma os Stones e escribir cancións do nivel das dos Beatles. Pero este tipo de licenzas provocou algunha que outra reticencia no Sindicato de Músicos Americanos: o grupo foi denunciado e pasaron 4 anos sen poder tocar no país.

Xa de volta no Reino Unido, onde aparecerán sucesivamente tres dos seus mellores discos 

Estas actitudes contrastaban, en todo caso, co proceso compositivo de Ray Davies, fondamente introspectivo. A produción do artista será notábel nestes catro anos, xa de volta no Reino Unido, onde aparecerán sucesivamente tres dos seus mellores discos: Kink Kontroversy (1965), que contén outra das súas xoias, Where have all the good time gone (onde Ray inventou a letra namentres a cantaba na gravación) ou unha magnífica versión do Milk Cow Blues; Face to Face (1966) e Something Else by The Kinks (1967), onde se encontra a monumental Waterloo Sunset. Seguiraos no 68  un disco moi discutido que anticipará, porén, os discos conceptuais:  The Kinks are The Village Protection Society.

Nos 70 unirase John Bear Gosling nos teclados, entrando de xeito triunfal: será el quen toque o piano noutro dos himnos compostos por Ray, Lola —da que se fixeron 50 anos o pasado xuño—. A peza fala dun encontro amoroso cun travesti, e causou naquela altura certa polémica. Polo demais, é unha canción chea de harmonía, melodía e letra coa marca da casa de toda a súa produción: nostalxia, conciencia de clase, humor e sarcasmo.

A partir do 72, onde remata o período verdadeiramente glorioso, sucédense as xiras desastrosas polo Reino Unido, mánagers de dubidosa reputación, excesos, xiras mundiais, matrimonios caídos en desgraza, aventuras sexuais, novas tentativas de ir aos grandes estadios e o deterioro da relación entre os membros do grupo coa saída de varios deles. Permanecerán nos oitenta e noventa, reivindicados a mediados desta década polas bandas emerxentes do britpop (Blur e Oasis) antes da súa disolución e as carreiras en solitario dos dous irmáns con reencontro incluído en 2015.

Pero o importante xa estaba feito. O esquecemento é unha forma profunda de lembralo todo. "Non podo lembrar nada... Os sesenta...Foron como estar nos sesenta pero non lembro nada...", declarou algunha vez Dave.

50 anos son un par de minutos de canción. Ou electrocutarse ao resgar un amplificador buscando a fórmula da inmortalidade.

'THE KINKS KONTROVERSY'
Non é abondo con facer ruído. Cómpre tecer historias e facelo en direccións distintas: o Milk cow blues cantado por Dave, o petardazo de Til the end of the day remítenos ao You really got me e a evocadora e monumental Where have all the good time gone. Gloria aos principiantes!

Comentarios