martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Fuga e contrapunto

Nina Simone foi unha das artistas musicais máis importantes do século XX. Atravesou a pobreza e a soidade dacabalo do seu talento e converteuse nunha das caras máis visíbeis do Movemento polos Dereitos Civís. Cultivou o éxito e a soidade e conviviu co trastorno bipolar.

1961. ELA SAÍRA soa á rúa, fóra do club. Entón viuno, alí estaba Andy. El pedía un taxi. Ela achegouse, e el virouse contra ela e pegoulle. Fíxolle sinais ao taxi e bateu nela de novo. O vehículo parou e el ordenoulle que subise. Bateulle dentro do coche e na beirarrúa fronte ao edificio do seu apartamento; bateulle no vestíbulo e no ascensor ata o décimo piso; bateulle polo corredor até chegar á porta. Entraron. Ela sangraba e el berraba todo borracho, derrubando os mobles. Sacou a pistola e apuntoulle á cabeza, ordenándolle que collese as cartas daquel noivo que tivera había anos. Ela tróuxoas e el quitoullas. Atoulle as mans ás costas e sentouna nunha cadeira. Mandoulle que as lese en alto, interrogándoa sobre certas pasaxes, unha e outra vez. Batía nela de novo e pasaron cinco horas. Levouna ao dormitorio, atouna á cama e violouna até quedar durmido. Ela foi quen de soltarse e saíu correndo. Fuga.

Pasaron dúas semanas, ela agochárase na casa dun amigo. El volveu dar con ela nunha cafetaría do Village; aínda tiña os ollos mazados pola palerma. "Quen che pegou?", preguntoulle el. "Ti", respondeu. El negaba e ela mirouno: "Estás tolo".

É un frío estraño o dos cuarteis do Inferno. Eunice Kathleen Waymon (Tryon, North Carolina; 1933) sabíao, porque pertencía a unha familia metodista de antigos escravos do sur dos Estados Unidos. Comezou a tocar o piano aos tres anos, aos catro botaba o día coidando de seu pai, operado de gravidade, e até os doce tocaba todos os mércores, os venres e os domingos case enteiros na igrexa. Alí súa nai, pastora metodista, ofrecía entregada o sermón. A retina da nena gardou con chave os ‘avivamentos’: eran un segundo bautismo, onde os asistentes falaban linguas descoñecidas,  choraban, resgaban as vestiduras e a xente corría aqueloutrada dun ao outro lado da igrexa. Outros berrábanlle gabanzas ao Señor cos ollos mirando o teito. Namentres, ela tocaba no piano música góspel. Contrapunto.

Axiña lle quedou pequeno o escangallado piano da casa. Un dos xogos principais dela e dos seus cinco irmáns era tocalo coas mans e cos pés, pero só ela tiña a maxia. O feitizo de se dar. A señora Miller, para quen traballaba súa nai, pensara en Muriel Massinovitch, unha muller inglesa que vivía co seu marido, un ruso pintor. Eunice comezou a tomar leccións na casa do matrimonio. A sala do piano estaba chea de flores e o seu arrecendo mesturábase co da pintura fresca dos lenzos. Alí practicaban varias horas no piano de cola, basicamente Bach e, nos descansos, tocaban e cantaban cancións populares no piano de parede.

Érguese durante toda a secundaria ás catro da mañá, exercitándose día e noite no piano: Mozart, Beethoven, Czerny e Liszt

A señora Massinovitch brindáballe o afecto que non obtiña de súa nai, que xa labrara unha gran fama como predicadora por medio país. Cando estaba concluíndo a formación, súa nai e as outras dúas mulleres organizaron un fondo, o Fondo Eunice Waymon. Moita xente contribuía a cambio de ofrecerlles regularmente concertos e audicións en directo  aos mecenas. Érguese durante toda a secundaria ás catro da mañá, exercitándose día e noite no piano: Mozart, Beethoven, Czerny e Liszt. Pero medrou illada.

Aos once anos, nun concerto no salón do Concello, para xente branca, seus pais foran relegados á última fila e a rapaza negárase a tocar. Malia que logo os situaron na primeira fila, a Eunice quedaralle gravado para sempre aquel episodio, dous mundos separados coma os carrís do tren. Fuga. Con 17 anos, marcha a New York e recala no Harlem: nace aos barrellhouse —antros cheos de fume, segundo o hipster, a xerga negra— , os apostantes, as prostitutas e os músicos de jazz.

Alí estuda en Juilliard e toma clases con Carl Friedberg, o mellor insturmentista que coñece até ese momento. Pero rexéitana no Instituto Curtis e pensa en deixar a música. Para entón a súa familia mudárase a Philadelphia. Ponse a traballar de asistente dun fotógrafo e nesa monotonía escura e vermella encontra algún pracer. Dá clases a adolescentes que non saben cantar. Entón recibe unha oferta para tocar nun garito de Atlantic City, o Midtown Bar and Grill. Elixe un nome falso para escapar do control de súa nai. Un antigo noivo chamábaa ‘Niña’ e elixe ‘Simone’ pola actriz Simone Signoret.

Nina Simone só bebía leite, no medio de borrachos irlandeses que botaban fóra do local, amoreados nunha carretilla. Pero confía cegamente no seu talento. Pecha os ollos e fai coma se estivese no Carnegie Hall. A primeira noite resulta estraña: alonga unha das cancións até as tres horas. Combina indistintamente pezas populares e clásicas. Conclúe ás catro da mañá e o dono pregúntalle porque non cantou: "Porque eu son pianista". "Pois mañá serás tamén cantante. Se non, bótote".

No Village, convértese nunha raíña: alí fúndese a escena do jazz de Coltrane e Art Peper e gravitan arredor ou viceversa, escritores e poetas que se convertirán nas súas grandes amizades

Cando alguén a molestaba, paraba de tocar. No 57 comeza a tomar clases con Vladimir Sokhaloff. O seu primeiro axente, Jerry Fields, conséguelle unha actuación no Concello de New York. E todo se lanza: Colpix grava o seu concerto ‘Nina Simone at Town Hall’. O seu primeiro éxito é I love you, Porgy, de George Gershwin. No Village, convértese nunha raíña: alí fúndese a escena do jazz de Coltrane e Art Peper e gravitan arredor ou viceversa, escritores e poetas que se convertirán nas súas grandes amizades, moitas delas activistas moi significadas do movemento negro polos dereitos civís: Langston Hughes, Jimmy Baldwin, Amiri Baraka, Lorraine Hansberry, Odetta, Malcolm X, Marthin Luther King; pero tamén Woody Allen, e un novísimo Bob Dylan, que cantaba parodias satíricas nos descansos entre actuacións dos artistas principais.

Unha noite o seu axente fálalle dun guitarrista, Al Schackman. Tocan e enténdense á primeira, faranse inseparábeis. Chegan a fama, o diñeiro e as xiras. E as promesas de máis. Á improvisación propia do jazz, ela engádelle a fuga e o contrapunto. E unha voz que destila fraxilidade, verdade, beleza, dor, as tumbas da vida. Considérase a si mesma unha cantante folk, ou intérprete de música clásica negra. Posúe unha habilidade innata para escribir letras profundas na súa aparente sinxeleza e comprende como poucas a liturxia creadora do directo. A importancia do abandono ao que xurda, algo só na man das verdadeiras artistas.

Comparece en escena seguindo os consellos da señora Massinovitch: seria, solemne e fría. "Saio aí fóra coma unha raíña exipcia". Pero no transcurso da actuación aprovéitao todo e cada canción é unha oportunidade para buscar o feitizo e botar a vista ao que nunca se deixa ver. Nina bota un ano ofrecendo concertos cinco días á semana, saíndo ás présas de tugurios cara a aeroportos, sen sacarlle gran partido á cousa.

Entón, unha noite coñece a Andrew Stroud, Andy, un policía con formas de matón, pero con dotes empresariais. Malia os episodios de maltrato, abusos e violencias, casan e nace Lisa Simone. Non hai tempo a descansar. Dela dependen 40 persoas. A preparación dunha nova xira cadra cunha bomba que grupos racistas fan estoupar nunha igrexa de Alabama. Morren catro meniñas. Ela comeza a dar voltas polo garaxe, entre ferralla e aparellos. Seu home faille notar que está tentando construír unha arma.

Desiste e péchase durante horas nun salón construído riba do garaxe, especialmente pensado para ensaiar e compoñer. E alí arma Mississippi Goddam: a canción prende coma a pólvora por todo o país, ao tempo que a violencia racial, e novos asasinatos e disturbios. O contrapunto. Viven porta con porta con Malcolm X, son practicamente familia, e a música de Nina Simone decántase claramente á política, fortemente influenciada polo Movemento, comparecendo en actos públicos de xeito cada vez máis radical.

Sam Cooke morre asasinado no 64. No 65, Nina Simone actúa á fin no Carnegie Hall, pero o horizonte xa é outro. Dous días antes do concerto asasinan a Malcolm X. Sam Cooke morre asasinado no 64

Comeza a colaborar activamente co Student Nonviolent Coordinating Committe (SNCC) —colectivo de accións pacíficas contra o racismo—, da man de Miriam Makeba. Pero é a dramaturga Lorreine Hansberry —a primeira dos escritores negros en acadar un grande éxito en Broadway— quen a guía no coñecemento da política. Con ela coñece a Luther King e o primeiro que lle di é que ela non é pacifista. Namora de Stokely Carmichael, un dos líderes do Movemento. Sam Cooke morre asasinado no 64. No 65, Nina Simone actúa á fin no Carnegie Hall, pero o horizonte xa é outro. Dous días antes do concerto asasinan a Malcolm X. Tamén morre Lorreine Hansberry. Como homenaxe escribe To be young, gifted and black: "Ser nova, talentosa e negra/ Oh, que adorábel/ fermoso soño".

Sucédense as xiras, tamén as europeas e xa é unha celebridade mundial. Cancións coma I put a spell on you, Don’t let me be misunderstood, Sinnerman, Ain’t got no life/ I got life, I wish I knew how it would feel to be free ou Stars, adornan un repertorio irresistíbel. Os conflitos e os asasinatos continúan imparábeis. No 68 Marthin Luther King é asasinado. Na súa honra, Nina compón Why? The King of Love is dead.

Marcha de novo a Europa nun estado mental xa moi fráxil. Adoita beber para atravesar a vertixe. Fuga. A violencia na casa continúa, continuas pelexas. Seu home maltrátaa e ela pégalle tamén á filla. Séntese nun país racista e asasino, e marcha a Barbados. Fuga. Ser libre. Alí goza da vida por vez primeira en moito tempo, do sexo, as amizades e a liberdade pero aparecen os problemas coas discográficas, débedas co fisco.

Vive a cabalo entre os United Snakes of America e Barbados e, polo medio, seu pai cae gravemente enfermo. Négase a velo e finalmente este morre. Á semana seguinte morre tamén súa irmá Lucille. Amoríos, depresión, xamanismo, distancia. Soidade. Entón, convidada por Miriam Makeba, viaxa a Liberia, na procura do seu lugar e da felicidade. Fuga. Alí non gasta moito en indumentaria: vai sempre ataviada só cunhas botas e un traxe de baño. Convértese en habitual dun club nocturno, The Maze; alí séntese coma na casa e, na embriaguez do champaña, baila en coiros ao amencer. Bota dous anos máis alí, ata o 76. Polo medio, aparicións esporádicas aquí e aló: Francia, Inglaterra, Holanda, Alemaña... É unha estrela indiscutíbel nunha inmensa habitación ás escuras. As paredes do recordo.

Un empresario convéncea para marchar a Londres coa promesa de relanzar a súa carreira. Resulta unha estafa

E o diñeiro acaba. Un empresario convéncea para marchar a Londres coa promesa de relanzar a súa carreira. Resulta unha estafa. Tenta buscar o seu lugar en Israel no 79 e, logo de establecerse en Suíza un tempo —a filla estaba alí nun internado— finalmente, asenta en París. Vive o extravío das horas baixas, pero xorde a posibilidade de tocar nun pequeno club, Les Trois Mallets, en Pigalle. Confía na boa estrela e chegar por si soa ao Olympia, pero a xente non cre que Nina Simone poida ser  quen anuncian en garitos de mala morte. Contrapunto.

Consegue relanzar a súa carreira, pero farao sempre en soidade, no medio de profundas depresións e con manifestacións cada vez máis evidentes do trastorno bipolar co que sempre convivira. Sofre episodios maníaco-depresivos e proba o sabor amargo da loucura. O paradoxo é que My baby just care for me convértese nun himno e a súa figura non para de medrar. Gerrit de Bruin, un fotógrafo holandés e vello amigo seu axúdaa nos seus últimos anos; canda Al Schackman, o seu fiel escudeiro. Accede a tratarse para enfrontar a doenza, medicándose con Trilafon. O fármaco ten efectos moi visíbeis pero é a única alternativa ao delirio. Así e todo, segue comparecendo regularmente en todo tipo de festivais ate a súa morte tranquila mentres durmía, en 2003 en Marsella.

As cancións de Nina Simone son bágoas de vida, algo case orgánico, plenas de fondura conceptual, mestría musical, alma, dor e felicidade. A súa escoita induce á reconciliación co mundo, á loita e ao amor. Escoitar Ain’t got no/I got life é coma estar no ollo dun furacán e sentirse só unha xesta entre as flores. Parece conter o tempo. E un pouco daquel arrecendo a lavanda e pintura fresca da súa nenez, o milagre que naceu nos cuarteis de inferno, entre os escravos do sur. Un lenzo do que nunca saberemos o seu último trazo. Cántao en Stars: Estrelas/ veñen e van/ veñen rápido ou a modo/ van como o último raio do sol/ todo nun resplandor/ e todo o que ves é gloria/ oes, pero sénteste soa/ cando non hai ninguén aquí para compartilo".

Forever young, gifted and black: Songs of freedom and spirit
Aquí está a esencia de Nina Simone. Abre con To be young, gifted and black e Backlash blues lévanos ao centro da dor e a emoción con I wish I knew how It would to be free e dúas homenaxes fermosísimas e reivindicativas a Luther King: Why? e Mississippi Goddam. Ain’t got no/ I got life fan voar. A maiores, hai versións de Bob Dylan mellores ca Bob Dylan: Just like a woman e The times they are a-changin. Monumental.
Víctima de mi hechizo
Libros del Kultrum publica Vïctima de mi hechizo, las memorias inéditas de una de las más populares de cantantes y pianistas del panteón de la música popular afroamericana. La autobiografía de la gran cantante y pianista, que vería finalmente la luz gracias a la colaboración del cineasta Stephen Cleary, desgrana la evolución de la prometedora artista de una precoz niña prodigio. Formación pianística de la que se vería apartada -según afirmaba la propia artista- por el color de su piel, truncándose así el gran sueño de la que anhelara convertirse en la primera gran concertista negra de música clásica. Un mundo de privilegios reservados a la casta dominante en el que fue vedado formarse, y cuyas injustas prebendas acabaría denunciando mediante su progresiva implicación -y posterior participación- en la lucha por la defensa de los derechos civiles.

Fuga e contrapunto
Comentarios