El tiempo
viernes. 01.07.2022
El tiempo

O fillo do pobo

Shane MacGowan foi o líder de The Pogues. Poeta, músico e cantante, levou ao límite dende novo o gusto polos excesos. De paso, mesturou o punk co folk e deixou letras para a historia, emparentando con algunhas das grandes plumas da literatura irlandesa.
The Pogues en Glastonbury. EP
The Pogues en Glastonbury. EP

WELLINGTON, Nova Zelanda, 1988. O hotel foi construído sobre un cemiterio maorí. O speed é ridículo pola paranoia estúpida que provoca. "Shane, Shane, Shane, estás aí?" Shane McWogan leva 48 horas sen durmir a base de speed e botellas de whisky. E sente con claridade os antigos guerreiros maorís. Claro, ten sentido: queren que lles demostre que está aí. Así que Shane amaña varios caldeiros de pintura azul, íspese e comeza a pintar a habitación enteira, incluído o baño. Custoulle traballo, pero os deuses maorís estarían orgullosos. Só lle queda un pequeno detalle: pintarse el mesmo de azul. Perfecto. Chega o momento de durmir, pois os deuses agora están tranquilos. "Shane, Shane, Shane...". Horas despois alguén golpea a porta da habitación. O vocalista érguese ás escuras, acende a luz da habitación e abre a porta. "Shane, pero que carallo fixeches?!" Shane achégase a Frank Murray, axente de The Pogues: "Chsss... Mostra algo de respecto, son os antigos guerreiros maorís!". Siobhan, irmán do protagonista, ten a súa opinión dos feitos: "El simplemente non volveu desa xira. Non o Shane que eu coñecera antes. Aí morreu unha parte del".

Shane naceu no rural irlandés (Pembury, kent, 1957) e el mesmo lembra que por aquel entón aínda non había electricidade. Seu heroe era seu tío John: non falaba moito, só xuraba. E súa tía Ellen foi tamén un referente. Shane encontraba fascinante ver como mataban os gansos. "Unha das veces comezou a chover namentres se ían enchoupando no sangue, parecían os ionquis de Londres".

Os flashes da infancia. Shane neno achegouse cun amigo ás dunas da praia, por xogar. Comezaron a darlle patadas á area e, de súpeto, comezaron a aparecer esqueletos humanos e cranios. Os dous nenos quedaron paralizados, eran cadáveres do que se deu en chamar a Gran Fame, que tivo lugar en Irlanda entre 1845 e 1849. Quedaron paralizados, conciencia de clase e de pobo.

Shane acompañaba o seu tío John a buscar cervexa negra ao pub. E todo o mundo sabía cantar ou tocar algún instrumento

A tía Mónica era outro referente, quen poñía algo de orde na súa vida, pois Shane notaba que practicamente podía facer todo o que lle viñese en gana, con tal de non faltar á misa os domingos. Outra tía súa, Nora, a líder relixiosa da familia, foi quen lle aprendeu o catecismo. "Era xenial porque cando morrese ía poder ir a xunto de toda a miña familia, críao seriamente". Tiñan esperanza de que o neno se fixese sacerdote. Pero aquilo non ía con el. Axiña descubriu o alcohol e o tabaco. E a noite? Todas as noites era coma estar no Nadal. Shane acompañaba o seu tío John a buscar cervexa negra ao pub. E todo o mundo sabía cantar ou tocar algún instrumento. Así que o neno Shane axiña se viu subido riba dunha mesa cantando cun vaso de cervexa na man. E ao tempo que o seu corpo destilaba todo canto alcohol caía na súa man, tamén foi dixerindo unha importante tradición musical, a través do repertorio popular. Con dez anos, a medida era dúas Guinness cada noite. Pois dicían: "Deixa que beba agora que é neno, así despois non abusará cando medre".

Pero a primeira bebedeira con whisky foi distinta. O noivo dunha das súas tías mercoulle unha botella de Powers –whisky de batalla– no pub Hannigan’s. Bebeu a metade. "Tiven unha sensación fantástica, así que fun ver as galiñas e os gansos. Meu tío apareceu e berraba pero que carallo! Os porcos e as vacas falábanme e ao pouco quedei durmido". 

Shane MacGowan. EP
Shane MacGowan. EP

McGowan idealizou eses anos de infancia e, esta, revélase como unha das principais influencias da súa obra: os ecos dos vellos retrousos populares, as referencias a ese tempo de transición entre os últimos restos dunha sociedade eminentemente rural que se transformará noutra cousa en moi poucos anos. E despois chega o momento de emigrar a Londres, onde non acaba de encontrar o seu lugar, agás nos vellos discos dos Dubliners, do gusto de seus pais, ambos os dous simpatizantes do Ira. "Miña nai era unha cantante incríbel: gañei moitas copas gratis polo seu canto tradicional irlandés. Pero estaban enganados co que iamos encontrar en Londres. Meu pai tiña un cerebro matemático brillante, pero había tamén moito racismo cara os irlandeses por aquel entón. Non había xeito de sermos clase media". Shane sufría palermas na escola, pero alí, co matón, descubriu o ska e o reggae e gozou da súa protección: "Aos que me pegaran, fregueilles unhas ortigas polas pelotas, non houbo problema nunca máis".

De seu pai adquire o gusto pola literatura: Graham Greene, James Joyce e, sobre todo, Flann O’Brien, en quen personaliza o seu ideal de artista e escritor: excéntrico, bebedor e arriscado. "Os irlandeses somos un pobo literario". Gaña un certame literario do Daily Mirror e, lendo a Marx e Trotsky, faise definitivamente ateo. e gaña unha beca para o instituto de Westminster. Son os tempos do Domingo Sanguento (Bloody Sunday), a matanza de 1962 onde soldados británicos abateron a tiros 26 civiles desarmados nunha manifestación en Irlanda do Norte. Axiña pasa a vender drogas para os fillos de papá do instituto. Botárono e comezou a traballar nun supermercado por dez libras a semana con 14 anos. Proba na construción. Faise asiduo dos concertos dos Sex Pistols e esnifa pegamento. De paso, coñece a Creedence e o rock. "Cando viñen por primeira vez a Londres tiña só dezaseis/ na escuridade dun canellón traballarías por cinco libras/ para un rápido dende o pulso cara abaixo/ na antigua rúa principal", resumiría nunha letra.

Nun deses concertos, ábrenlle a cabeza cunha botella e é fotografado. É a súa primeira portada na prensa británica. 1977

"Só eran traballos manuais e o punk cambiou a miña puta vida, cambiou a de moitos. Foi o máis preto que estivemos de ver como rompía toda a merda arredor nosa de verdade", confesa o cantante, que aparece en moitos vídeos da época na primeira fila dos concertos de The Clash e os Sex Pistols. Nun deses concertos, ábrenlle a cabeza cunha botella e é fotografado. É a súa primeira portada na prensa británica. 1977. Publica o seu fancine, Bondage, e monta o seu primeiro grupo, The Niple Erectors. "Os nosos soños eran como o fume dunha pipa de opio". Viven dos cheques do subsidio nunha casa okupa, preto de onde residira en tempos o poeta W.B. Yeats. "Coido que Yeats está moi sobrevalorado, o bo que fixo está xenial, pero a meirande parte do que escribiu é unha merda. É o poeta máis famoso de Irlanda, por desgraza, porque é o poeta menos irlandés de Irlanda.  Era irlandés, pero non era un paddy, entendes? Avergoñábao ser irlandés". 

Shane coñece a diáspora irlandesa en Londres e o importante legado musical que ten. Así que, cun par de amigos, decide montar Pogue Mahone –significa Bícame o Cu–, que despois dará en The Pogues, meténdolle unha patada no cu á tradición pero aferrándose a ela. "A miña cruzada foi facer que a música irlandesa trunfase novamente. Para facer que a lingua e a literatura irlandesa contribuísen a construír a nosa autoestima e que todo o mundo saiba a inmensa riqueza cultural que temos, sendo unha nación tan pequena".

Shane busca achegar novas composicións e válese de todos os recursos ao seu alcance. A súa primeira canción titularase Streams of whisky, e baséase nun texto de Flann o’Brien, o seu ídolo. E en Brendan Beham, outro escritor irlandés con gusto polo xarope. "Admiro toda a xente creativa, non teñen porque ser artistas. A Joyce admíroo porque inventou a súa propia lingua". Pouco tempo tardarán The Pogues en despegar e converterse nun éxito internacional, pero parece que esta historia merece ser contada nunha nova entrega. "Algunha vez tocamos sobrios, por exemplo cando tiñamos que tocar con dinosaurios como The Clash; de feito, somos moito mellores sobrios, pero é máis divertido tocar bébedos, por iso nos embebedamos". Déixalle que beba de neno, así de maior non abusará.

O fillo do pobo
comentarios