Opinión

Os cen pasos

Cando a actualidade política semella unha mala película, cómpre buscar acubillo no cine. Cheguei a Os cen pasos (I cento passi,2000), película de Marco Tullio Giordana, polo consello do noso amigo italiano Leo Zordan. O Leo é moitas cousas e, ademais de cociñar unhas das pizzas italianas e pastas máis gorentosas de Lugo na pizzería Mangiarte e no seu posto do Mercado —canda María, a súa compañeira—, ten unha afiada sensibilidade.

OS CEN PASOS, no seu día candidata italiana aos Oscar, conta a vida de Peppino Impastato —nado en Cinisi, na provincia de Palermo, Sicilia; en 1948— no seo dunha familia ligada á Mafia local. O filme rexistra con notábel acerto a infancia do protagonista, influído nesa altura por seu tío, Cesare Manzella, o gran capo daquel entón. Pero no ano 63 un coche-bomba acaba coa vida deste e toma o seu relevo Gaetano Badalamenti, o Tío Tano. O tránsito á adolescencia do protagonista vén marcado polo seu contacto cun pintor militante do Partido Comunista, que influirá no crecente conflito con seu pai, ligado tamén á Mafia. Peppino —intepretado por Luigi Lo Cascio—desenvolve así o seu carácter contestatario lendo a Pasolini, organizando o activismo local e afiliándose ao Partido Socialista Italiano de Unidade Proletaria (Partito Socialista Italiano di Unità Proletaria, PSIUP). Pero alí só botará dous anos, desenganado coa férrea disciplina xerárquica da organización. 

O filme rexistra os dous dramas –o familiar e o político- a través de intensas actuacións, por exemplo, nas protestas pola construción do aeroporto de Punta Raisi, referenciado en películas coma ‘O Padriño’, pola súa relación co transporte de droga a Estados Unidos. A Omertá ou lei do silencio atravesa toda a película, contrapoñendo a coherencia incorruptíbel dunha alma nobre –a do protagonista- á causa da colectividade fronte á ignorancia silenciosa da maioría e a opresión do ambiente familiar. O monopolio no exercicio da violencia por parte da Mafia e a conivencia co poder político.

A banda sonora evoca as ansias de liberdade, o desexo, o amor e a aventura, trufada de éxitos dos 60  e 70, con cancións de Procol Harum (A whiter shade of pale), The Animals (The house of the rising sun), Janis Joplin (Summertime) o The Sweet (The Ballroom Blitz).

Resulta especialmente interesante a recreación de Radio AUT, o proxecto radiofónico autofinanciado e fundado por Peppino. A través do seu programa Onda pazza (Onda tola) e dos seus micrófonos, o protagonista incendia as conciencias adormecidas de Cinisi e, ao mesmo tempo, comeza a cavar a súa propia tumba, provocando as iras da Mafia, que acabará coa súa vida do xeito máis vil. Amárrano, logo dunha malleira, ás vías do tren. O asasinato de Peppino a mans da Mafia local coincide exactamente no tempo (9 de maio de 1978) co asasinato do primeiro ministro Aldo Moro, perpetrado polas Brigadas Vermellas.

É unha película emotiva e potente que pon o acento na importancia dos compromisos individuais que derivan en movementos colectivos

É unha película emotiva e potente que pon o acento na importancia dos compromisos individuais que derivan en movementos colectivos: o asasinato de Peppino motivou a primeira gran manifestación contra a Mafia na historia de Italia. Xustifícase a orde social polo exercicio da violencia? É a violencia unha manifestación crúa do poder? Como se manifesta hoxe a violencia? Probabelmente esteamos nun cambio de paradigma. A positividade da violencia actual ten formas máis sutís: a intoxicación informativa, a compra de vontades, o exercicio da corrupción, a hipercomunicación, a tecnoloxía invasiva das redes que anula a figura do outro e multiplica o protagonismo do ego e a perda dos mínimos modais...

A desigualdade e a inxustiza, a pobreza e a impunidade dan lugar a un determinado estado de cousas, con notábeis diferenzas nas oportunidades de vida. Violencia e poder parecen o mesmo pero non o son. A política deixa sempre unha marxe, un espazo á resposta, a violencia extrema non. Na súa negatividade, extínguese coa morte e desaparición do inimigo. Peppino constitúe un exemplo de resistencia fronte á Mafia do seu tempo e é unha chamada de atención á nosa conciencia individual.

A Mafia de noso ten unha aparencia máis esquiva e translúcida. E ameaza con acabar por corrompelo todo, en plena erosión do social. Recoñeceremos ben ese momento: os violentos serán quen exerzan a violencia contra nós, se non reaccionamos antes de que sexa demasiado tarde.

Comentarios