viernes. 27.11.2020 |
El tiempo
viernes. 27.11.2020
El tiempo

A palabra dada

AQUELES QUE miran para atrás atópanse con sorpresas incribles, non dan creto do que observan, do que ven e do que miran. Sorpréndense do que pasou e do que viviron, non teñen palabras para explicalo, non son quen de entendelo, aínda que insisten en que o mellor está por vir. Quen sabe? Aquel mozo galán ou aquela moza fermosa, onde estarán? Cando e de onde virán, se é que volven? Os tempos pasados xa foron e deles moito se poido e se pode aprender. Aprender da experiencia e das vivencias. Aprender dos que saben, dos que aman e dos que queren que o mundo sexa, canto antes, outra cousa. A vostede, amiga lectora, que lle parece?

A Tía Manuela recoñece e aplaude o traballo dos académicos e, xa que logo, da Academia e o valor incuestionable da palabra e das palabras

Dixemos lectora coa seguridade de que as mulleres son seguras, críticas e analíticas diante do texto e diante da vida, do pasado e do futuro. Quen pasou toda a súa vida rodeado e querido por algunhas mulleres, a nai, a muller e as fillas, as irmáns, as avoas, tías e primas, as veciñas e as compañeiras ten razóns impresas no corazón, cun buril de amor e aprecio que non se enferruxará nunca. Nunca xamais!

Xa non sei que ía dicir! Ah! Si, quería falar das palabras de Miguel Delibes Setién, ese novelista, de tanto nome e renome, que naceu e morreu en Valladolid (1920-2010) e que aseguraba que el non foi tanto como foron os personaxes que creou, recreou e representou nas súas novelas. Ese narrador que andaba detrás das palabras e do seu significado, porque "son home de palabras, máis que de letras". Ese magnífico escritor e académico da Real Academia Española, na cadeira do e, dende onde anunciaba para quen quixera escoitar que "a miña é novela de perdedores, de seres humillados e ofendidos, pobres e marxinados do mundo irracional".

As boas palabras como as de Delibes, cando acompañan ás obras boas, son aínda mellores. E, non importa a cantidade. Como dicía Quevedo, unha palabra vale por moitas e "moitas non valen por unha". A Tía Manuela recoñece e aplaude o traballo dos académicos e, xa que logo, da Academia e o valor incuestionable da palabra e das palabras. "A palabra, coas palabras que sexan e apertando as mans, era unha escritura, un sinal evidente da conclusión do trato amigable e feito". Sería conveniente recuperar algúns dos valores esquecidos, entre eles, o valor da "palabra dada", evidencia e afirmación do acordado.

A palabra dada
comentarios