Opinión

Ao prezo do solombo

ENTROU NA oficina bancaria daquela esquina, onde tantas veces entrara, para informarse do estado da súa conta case baleira permanentemente. Non coñecía a ninguén; xa non era o que fora, non había portelos abertos ao público, non había funcionarios nin xornais encima das mesas, nin bolígrafos, nin calendarios, nada de nada. Non había xente para cobrar o subsidio, nin con quen falar. Máquinas a moreas, sentadoiros decorativos e artísticos para que ninguén fixera uso deles, luces de cores cálidas e letreiros de cores ofertando o ouro e o mouro, de tal maneira que podes investir aquí, gastar aquí, comprar aquí tamén e, incluso, arruinarte aquí mesmo, sen necesidade de moverte, sen ir alá, a onde pensabas que nunca irías.

Moitos dos nosos e nós non entendemos tanta cousa: tanto paro, tanta espera, tanta tarxeta con pin ou sen pin, tanto pagar e tanto calar

Non hai cartos nos bancos, nin hai con quen contalos. Plástico a moreas. Tarxetas decorativas, artísticas, brillantes, luxosas e lustrosas. Plástico con valor de ouro, co peso da herdanza enteira, co poder do capital, con valor abondo para un negocio calquera e coa suficiente tristeza de ser soamente material sintético e inválido, se non ten engadido un chip, unha ligazón ao fondo da carteira que almacena a suor da maior parte dos clientes desa banca con luminosidade abondosa cara o exterior e con grande opacidade por dentro.

Moitos dos nosos e nós non entendemos tanta cousa: tanto paro, tanta espera, tanta tarxeta con pin ou sen pin, tanto pagar e tanto calar. É difícil de entender estes negocios novos, nos que todo parece outra cousa, unha realidade distinta, un feito ardoroso e de carácter global, como global debería ser, pola contra, a atención ao planeta e ao medio ambiente. Global debería ser a educación, a xustiza, o respecto e o aprecio, a solidariedade e a equidade. E, os dereitos? Por favor, que sexan igualmente globais.

Entre os dereitos está o coidado á natureza a á vida, por iso moitos queren erradicar o plástico do entorno, dos comercios, dos envoltorios, dos mares, da vestimenta e dos ornamentos, por saúde e por economía. Xa o dicía a Tía Manuela, "agora coa normativa e antes sen ela, pagamos o plástico ao mesmo prezo que o solombo, ata ese momento ecolóxico". Caro!, e máis caro vai ser aínda o tratamento para a cura do mal que está producindo tanta contaminación e tanto inútil envoltorio.

Comentarios