martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

As cores falan

DIN QUE A cor é a lingua materna do subconsciente. E, que ben fala! Con sentimento, con razón e ilusión, as cores son a linguaxe dos soños, así Joan Miró dicía que as aplicaba "como palabras que forman poemas, como notas que forman música". A cor dos ollos daquela gata ou daquel home, as cores das togas académicas ou da xustiza, as do logotipo da empresa ou da institución, dos partidos políticos e milleiros de cores diferentes, cada unha coa súa propia mensaxe, con fala de seu, tratando de persuadir a quen as interpreta cos ollos. Milleiros de peixes de cores nos mares, as cores do arco da vella, a tristeza e a alegría dos seus ollos aportan datos da vida real.

Entre as cores máis populares están as once básicas coas que normalmente se describe a tonalidade das imaxes: negro, azul, marrón, gris, verde, laranxa, rosa, púrpura, vermello, branco e amarelo. Pero como todo vai en aumento, investigacións recentes, como a realizada no Centro de Visión por Computador da Universidade Autónoma de Barcelona, explican a incorporación de vinte e oito cores complementarias que melloran as distintas coloracións que percibe o ollo humano, entre elas están a turquesa, a verde oliva, a verde lima e a verde menta. "Verde que te quero verde", verde amiga!

As distintas áreas do saber teñen cadansúa cor, as ciencias xurídicas son vermellas, as humanidades visten de azul celeste, de azul van as ciencias, medicina ten como súa a cor amarela e a cor de veterinaria é verde, como laranxa é das ciencias políticas, socioloxía ou ciencias económicas. Cor é palabra feminina como orixe, dor, pantasma, chantaxe, porcentaxe, mensaxe e moitas outras. E, de que cor será a alma ou o espírito do pobo? E o amor ou o cariño da nai? Cal é a cor que máis che gusta, colega? Sen moitas palabras, aquí, a Tía Manuela fai seu o dicir de Pilar Eiré: "A miña cor preferida é verte".

"A luz é cor", dicía Isaac Newton, e aínda que a cor existe unicamente na nosa percepción visual, transmite sentimentos, ánimo ou desánimo e valores, axuda á reflexión e enténdese como se fose un código de expresión universal, que usan con frecuencia os partidos políticos, algúns máis coñecidos pola súa cor que polo seu nome. As cores están asociadas ás ideoloxías e falan soas.

As cores falan
Comentarios