jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

Os ataques dun virus de coroa

NAQUELA NOITE de silencio, quedou murcha a esperanza, a de todos os participantes no ruído previo. Non quedaba frescura nos ollos de ninguén, non quedaba para onde mirar e moi pouco no que pensar. O futuro estaba en camiño lentamente, como unha carrilana de madeira de carballo e as súas tres rodas de madeira vella de castiñeiro, movidas pola pendente dese terreo que acaba no mar do fondo, alí mesmo xunto do abismo. Naquela noite de silencio esmoreceu repentinamente o ruído, aquel ruído infernal que impregnaba os miolos da xente, daquela xente que estaba conforme e cría nas bondades anunciadas e propagadas dende as altas instancias das institucións, e daquela outra que tremía fronte aos anuncios oficiais e choraba de impotencia e desgusto.

Cambian os mundos, cambian os tempos, cambian as culturas, as relacións entre as persoas e as familias. Todo cambia e nós tamén

Cambian os mundos, cambian os tempos, cambian as culturas, as relacións entre as persoas e as familias. Todo cambia e nós tamén. Por iso queremos e podemos soñar tranquilamente coa supresión para sempre da represión, cun mundo de igualdade e de respecto, cun mundo como debe ser. Aínda que só quede a esperanza, vale a pena seguir e pelexar, pelexar ata acabar. Non hai mal que cen anos dure, logo, os máis novos ben poden agardar. Uns xa levan tempo agardando e outros agardando seguen, agardando polo melloramento que non vén. Nin vén, nin vai.

Naquela noite do silencio e de grande ruído, todo empezou a cambiar, incluso cambiarán os períodos de rotación dos astros, cambiarán as lúas e, completamente, os sistemas de vida, as rutinas, os negocios, as formas de aprender e de ensinar, as manifestacións cariñosas, os protocolos establecidos pola alta diplomacia, as relacións de cortesía e as amorosas. Cambiará a ciencia e o saber, as poboacións enteiras de cada territorio e as formas de ser, de servir e de pensar.

Imos cos tempos e estamos indefensos diante dun mal xerado por varias pandemias, pola peste da miseria colectiva producida polo dominio duns poucos moi poderosos que queren facer do mundo o seu campo de recreo, pola peste daqueles afoutos que se apelican á gobernanza onde queira que estean, polo despoboamento do noso territorio, polas inxustizas que medran e se estenden, pola pobreza en medio mundo. Sen dúbida, a poboación mundial, indefensa diante dos ataques continuados dun virus de coroa. A Tía Manuela pregunta, por que?

Os ataques dun virus de coroa
comentarios