viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Intereses espurios

UN CIENTÍFICO ruso, Denis Rebrikov, biólogo molecular e director dun importante laboratorio no Centro Nacional Kulakov de Investigación Médica en Obstetricia, Xinecoloxía e Perinatoloxía de Moscú (a maior clínica rusa de fertilidade), apareceu estes días ocupando grandes titulares na prensa debido ás súas pretensións de erradicar, na medida do posible, as malas formacións coas que poidan nacer os bebés. É malo ou é bo andar nos laboratorios coa manipulación xenética? Uns móstranse a favor e moitos, radicalmente, en contra. Hai que esperar que pase o tempo e que a comunidade científica axunte criterios, para que poidamos saber o que queremos.

Que ten de malo a erradicación dun virus que destrúe os glóbulos brancos e dana, xa que logo, o sistema inmunitario?

Pero se se pode alterar o ADN de embrións de nais infectadas con ese maldito virus da inmunodeficiencia humana (VIH) e impedir a súa transmisión, parece que nos situamos diante dun avance científico. E que ten de malo? Que ten de malo a erradicación dun virus que destrúe os glóbulos brancos e dana, xa que logo, o sistema inmunitario? Sexa malo ou sexa bo, parece evidente que é posible. No futuro serán todos os poboadores da terra máis iguais e máis sans.

A prestixiosa revista científica Science, na súa listaxe de avances importantes en 2018, cita o desenvolvemento de tres tecnoloxías que permiten saber, en calquera instante, como funciona cada unha das células dun embrión. Este coñecemento parece esencial para poñer remedio a algunhas enfermidades ou malformacións nas persoas. Moi interesante para seguir na pescuda de novas fórmulas, para a rexeneración dos tecidos. Coa saúde tamén tiña relación o primeiro dos avances de 2017, un fármaco contra o cancro, investigado a partir da súa acción a nivel molecular, sen ter en conta o tipo concreto de tumor. Foi o primeiro medicamento aprobado para a histiocitose.

Prezados lectores, a saúde, cando é boa, é o mellor que temos. Como di a Tía Manuela, "a grande riqueza e unha magnífica axuda para a felicidade". Os investigadores teñen que traballar constante e intensamente, os gobernos teñen que priorizar o gasto e non escatimar nunca na investigación, a grande inversión na saúde das persoas e da sociedade, fuxindo dos intereses espurios e de todos aqueles que queren facer da saúde un negocio.

Intereses espurios
Comentarios