martes. 09.03.2021 |
El tiempo
martes. 09.03.2021
El tiempo

A realidade é teimuda

OS ENMASCARADOS están de noraboa. Poñen unha gorra calquera, abotoan o botón de arriba da camisa branca, morada ou negra; reviran os ollos ou poñen lentes con cristais de espello e non os coñece ninguén. Son escondidos que van tapados ata diante das orellas. E nas orellas colgan a máscara da clase ou da tipoloxía que sexa. Calquera que non queira falar coa xente, como se fose un misántropo, pode situarse á marxe das relacións sociais, mesmo no límite da imprudencia, sen falar e sen mirar para ninguén, sen rozar con nada e sen pensar ou entender nada do que está pasando, nestes tempos de peste e máis peste.

Se o virus avanza, os cidadáns son os culpables. Quen vai ser, se non? Pero, detrás desa máscara camiña un home bo e detrás daquela, tamén

Unha peste que se estende sen parar, mentres os responsables políticos reforzan as canles de incomunicación, como se quixesen demostrar que a culpa é dos outros, dos adversarios, dos infectados ou dos que aínda poderán infectarse. Se o virus avanza, os cidadáns son os culpables. Quen vai ser, se non? Pero, detrás desa máscara camiña un home bo e detrás daquela, tamén. O mundo parece o escenario dun enorme carnaval, que se prolonga dende principios de ano ata o final. Neste tempo os que queren pasar desapercibidos poden facelo con seguridade total.

A máscara é o símbolo do cambio social que impuxo o virus, cambiándoo todo de repente e sen aviso, facendo a cara túa invisible, deixando a medio mundo sen respiración. Os outros parece que estamos como espectadores dunha obra teatral, na que os Xenerais do Ulla ou de Cacheiras fan de locutores simultaneamente en multitude de medios audiovisuais. Un teatro no que Peliqueiros, Cigarróns e Volantes de Chantada; Boteiros, o Ravachol, os Merdeiros e Choqueiros, fan o mesmo papel que o Oso de Salcedo, de forma continuada, na rúa, no local social e en sede parlamentaria, sempre coa distancia regulamentaria.

Nesta nova normalidade anormal, a mascarilla, esa tea cosida a un filtro de seguridade e de protección da covid-19, da tose e do esgarro, pode ter moitas cores e ser utilizada como soporte para mensaxes publicitarias, pero tapa o nariz e a boca das persoas e priva aos meniños dos sorrisos e das expresións faciais de aprecio e de cariño. É máis pequena, pero recorda o veo islámico, de uso inxustamente obrigatorio e represivo, como o niqab ou o burka. "A realidade, como dicía a Tía Manuela, é teimuda e excede a imaxinación de calquera".

A realidade é teimuda
comentarios