Opinión

Saída inmediata

"ESTIMADOS CLIENTES, este tren dispón de máquinas que venden bebidas e refrescos, ao seu dispor". Neste e en tódolos trens que circulan de estación en estación, de sitio en sitio e de lugar en lugar, véndese de todo, "comida para comer e levar", alcol para limpar as feridas ou, sinxelamente, para mesturar cos refrescos, con xeo e con limón, se é o caso. "Benvidos! –segue a locución ferroviaria– durante o percorrido informarémoslles das estacións de parada". O altofalante, co apoio programado de varios letreiros luminosos, deses de alta contaminación e capaces de distorcer o contorno, actúa sen contención verbal.

A alta velocidade é unha garantía. Poden vivir nun lugar atravesado pola vía e non ter posibilidades de desprazarse en tren. Será posible?

Vostedes, señores clientes, mantéñanse atentos aos nosos avisos e moitas graza por elixir esta compañía para o seu desprazamento, nesta tarde noite de hoxe. Mañá é outro día e, se queren, poden e deben seguir viaxando con nós. Somos unha empresa de servizos, a Renfe de sempre, de transporte e de lecer. Temos cantinas nas estacións, nos trens, nas chegadas e nas saídas; temos transporte de mercancías, levamos homes, mulleres e nenos e nenas a onde queiran ir; transportamos bicicletas, animais de compañía de calquera raza e saímos de tódolos puntos e a todos chegamos, para que o país poida presumir dos seus formidables servizos de transporte público.

Atentos e caladiños!, por favor, tren Alvia procedente de Zamora entra, para e sae, en cinco minutos. Vía dúas. Son as vinte e vinte horas. Avant con destino a Vigo ten a súa saída ás vinte e vinte e cinco. Vía tres. Señoras e señores clientes, Boas tardes!, estamos para axudarlles, presten atención! Saída inmediata do Intercity, con destino a Ponferrada. Vía catro. Señoras pasaxeiras!, temos que informarlles de que o paso subterráneo da vía tres estará interrompido por espazo de cincuenta minutos. Perdoen as molestias e moitas grazas. O ascensor estará ao seu dispor, antes dunha hora.

A alta velocidade é unha garantía. Poden vivir nun lugar atravesado pola vía e non ter posibilidades de desprazarse en tren. Será posible? O Ave para cando lle mandan e onde lle mandan, vai veloz cara a estación e, tan á presa como vai, volve. Saída inmediata, en cinco minutos. Vía vinte e catro. E, a Tía Manuela que di deste panorama tan apresurado. Nada, dálle a risa.

Comentarios