Opinión

Sen apuros e sen demoras

O AMIGO morreu no camiño. Ía da casa para non se sabe onde e volvía de non se sabe onde para algún sitio. Volvía á casa, un dos poucos sitios aos que sempre se pode volver. O amigo era un camiñante por lugares descoñecidos, por territorios descoñecidos, por rutas perigosas e illadas, retiradas da proximidade dos rueiros recreativos, adquiridos e preparados polos amos do benestar. Quen son? Non se sabe, pero existen, hai persoas dispostas a plantarse diante daqueles que obstrúen o desenvolvemento.

A morte é o peor; o sufrimento total, o peor do peor. É tristeza, lembranza, sosego e desacougo ao mesmo tempo. É penuria e dá pena ver a aquela xente, daquela esquina, traballando seguido para, se é posible, avanzar e poñer a bandeira ao servizo de quen a necesita. Morreu o amigo e xunto con el foise unha parte importante da Galicia nosa. Marchou e foise para situarse naquel lugar á esquerda ou á dereita, onde todo é posible, onde mandan as lembranzas, onde se proxectan os recordos coa suficiente forza de luz e coa esperanza de sempre, incluso sabendo que andamos por un camiño sen retorno.

Morreu coa seguridade de que a morte ten un prezo e, se fose posible, morrería novamente outra ou outras moitas veces, antes de calar e, incluso, antes de falar. Moitos coinciden con aquilo de que é mellor morrer con orgullo, antes de vivir sen el. Todo parece normal, e a morte? Tamén. Normalidade é o mellor, como en todo, incluso na vestimenta, no peiteado e no andar, no deporte, no traballo, no calar, no pensar e razoar, na vida e na morte. Para algúns pode ser un negocio, para outros, tristeza total e para a maioría, a soidade plena, a escuridade absoluta, coa única raiola de luz alumeando os recordos, antes do esquecemento, diante da desmemoria dos que seguen vivos.

Á morte non lle debemos temer, di Antonio Machado, "cando chega, nós xa non somos" e, como afirma Jorge Luis Borges, "a morte é unha vida vivida e a vida é a morte en camiño". Son probablemente a mesma cousa, un soño e un esquecemento. E, sen vida, non pode haber morte. Non ou si? Para os novos a morte é un naufraxio e para os maiores é a arribada. Sen présa, imos cara ao porto, pouco a pouco, engorde e paseniño, sen apuros e sen demoras.

Comentarios