jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

Vacacións presidenciais

NESTE PRESENTE pasan cousas que son bastante rechamantes. Por exemplo hai pretendentes a un posto de traballo que na entrevista de acceso preguntan polas vacacións: manifestan interese en descansar antes de comezar a traballar. Nen que dicer que son automaticamente desbotados, máis que nada por iñorantes e estúpidos e por amosar unha actitude de persoa pasiva á que lle deben pagar por terse presentado na vida. Certamente é unha cuestión social: os mozos de certo sector social foron criados completamente á marxe da disciplina no traballo e na idade de ingreso no mercado laboral non teñen adquirido o máis elemental dos hábitos de traballo: cando empezas vas de grumete e para chegar a oficial aínda hai que pasar unhas cantas vicisitudes... O problema, problema político, que nos afecta a todos, é bater cun presidente en funcións que antes de ser presidente do goberno efectivo, colle vacacións e, velaí vai: o Estado esperando por decisións que son de alcance decisivo imprescindíbeis para lle facer fronte ao momento económico internacional.

Na política económica intra-Estado, o feito grave de non ter orzamentos estatais aprobados a día de hoxe, e con poucas perspectivas de selo no período legal normal, afecta aos orzamentos da Xunta, aos plans compartidos co Estado, á negociación do financiamento autonómico novo que está en suspenso, ás transferencias de novas competencias, ao deseño de cofinanciamento de plans futuros, ás discusións de innovación de investimentos pendentes, ás dotacións de empregos públicos da administración do Estado en Galiza, polo tanto, ao emprego público; por tanto, á desaparición dunha parte do paro, así como á contribución a participar na investigación e no seu novo financiamento, accións imprescindíbeis para a recuperación de emigrados de alta cualificación. Tamén é relevante non se programen en política exterior novos contratos públicos (por exemplo, en construción naval) ou calquera outro encargo empresarial que requira acción estatal…

No plano internacional, semella que a preocupación das empresas e dos traballadores afectados polo Brexit está esperando un bon ou un mal acordo que forme goberno dunha vez, para esquecer a provisionalidade dun executivo en funcións, en precario. A economía non se pára, os que están desinvestindo en España non van regresar cando ao PSOE se lle acorde empezar as tarefas en serio. Os emigrados que viven no Reino Unido, tremen por se sentiren nun sandwich: por unha parte, o aloucado de Boris Jhonson e, pola outra, a nada de goberno español. A economía non se pára e aqueloutros Estados da actual UE con accións de goberno planificadas constitúen unha garantía para os seus cidadáns e, por riba, son ben mirados polos comunitarios. Non é só Alemaña, Portugal tamén nos pode valer de caso exemplar. O problema futuro do ‘Brexit’ non é tanto os efeitos inmediatos como ter desaproveitado unha ocasión que outros traballaron como unha oportunidade. Neste caso, as accións do goberno son imprescindíbeis para garantir relacións de futuro menos lesivas -no plano dos cidadáns- e de posíbel lucro para as empresas.

Ademais neste momento a guerra comercial de dous elefantes EE.UU. e China precisa dunha acción que se ben non poderá paliar as lesións que imos sofrer como menos poderosos no mercado mundial, si garante que as medidas preventivas non apioraran os efeitos.

Vacacións presidenciais
Comentarios