Opinión

Os bancos son rescatábeis

PODE CHAMAR a atención que desde o goberno se atopen con tantos problemas de reclamacións populares acerca da crise manifestada en empresas nomeadamente industriais. Cada vez que unha compañía multinacional, é dicer, unha grande empresa, anuncia o peche dalgunha factoría, unha grande parte das reivindicacións dos directamente afectados diríxese ao goberno para que adopte medidas de todo tipo conducentes a evitalo e, polo tanto, o paro consecuente.

Neste momento o caso máis evidente está representado por Alcoa e os peches das súas factorías na Coruña e en Avilés. O goberno normalmente oferece respostas sen máis contido que a evidencia: as empresas privadas actúan en función dos seus intereses na economía de mercado. Isto non só é totalmente certo senón que dito así podería ser suficiente para contentar e conformar aos traballadores afectados. Non obstante, sendo certo non é o total da verdade: hai buratos de contradición flagrante que dan folgos aos reclamantes. Por moitos anos que levemos de democracia, quérese dicer que teñamos esquecido o que era a economía dirixida por rexime ditatorial, o certo é que nas democracias occidentais –en todas– o Estado é interviniente activo en economía, mesmo en economía industrial.

Non precisamos lembrar o rol do estado alemán democrático na industria alemá, o caso francés, o italiano e, cunha óptica distinta (debido á súa historia), o caso estadounidense: todos eles teñen en común o decidido apoio público á industria propria fóra e dentro das fronteiras estatais.

No Estado español poderíamos comezar polas leis que se derrogaron no seu momento en 1976 (outras foron bordeadas) para a instalación da factoría de Ford en Almussafes (València). Forma parte esta historia dos estudos de relacións entre as multinacionais e os estados cun resultado de Ford 1-E.español 0, se medimos o combate en poder de aplicación das leis. Poderíamos seguir co papel do Estado na chegada e construción da factoría de Alúmina-Aluminio en San Ciprián (Lugo), por certo propiedade de Alcoa.

Aquí o Estado botou enriba da mesa todo o que puido e máis: Alcoa conseguiu un porto feito con cartos públicos e de uso exclusivo; mesmo por mar hai acceso vedado á zona exclusiva, unha tarifa e mais unha subministración de enerxía eléctrica feitas á medida, unhas medidas de soporte de contaminación suaves, e un deixar facer á empresa por riba dos intereses futuros da zona. Nunca nos temos plantexado aínda o significado en saúde da contaminación soportada e tampouco o uso do territorio ad futurum coa existencia da grande balsa de lodos vermellos. Se imos ás fontes do capital que empregou Alcoa tamén está a pegada do Estado, xa que a lexislación existente nos anos da súa instalación permitía ás caixas de aforro investir de modo preferente en industrias como esa: así se fixo, e, como é sabido, en economía se usas o capital (do aforro galego neste caso) para Alcoa quedan orfos outros usos posíbeis, por exemplo, un grupo lácteo galego, por citar un só. Queremos dicer con estas citas que o Estado intervén en economía industrial, que non se coñece caso de compañía que, desexando se instalar, tivese problemas inabordábeis, e que, afinal, non gozase de vantaxes competitivas evidentes (Continuará).

Comentarios