Opinión

Decisións pendentes

UNHA VEZ que comezou o período preinvestidura co anuncio dun acordo entre PSOE e UP, e da maneira rachada que foi feito, semellaba que salvo o ruído dos opoñentes, estaba todo resolto. Facía lembrar aos maus estudantes que consideran que o seu traballo remata por se presentaren ao exame. Aprobar xa é un logro de excelencia e, logo, demostrar que se sabe a materia xa nen se plantexa. Lémbrame aquela anécdota que conta un amigo meu do ramo da construción. Exercendo de xefe de obra nun edificio de vivendas, recriminoulle a un fontaneiro a súa extrema lentitude na instalación dos baños, e el retrucou: "Non me pode decir nada porque mire que ben traballo que non rompín nengunha pez". O óptimo non tiña nada a ver co plan de obra do aparellador senón coas expectativas do fontaneiro de non facer cascallos a louza dos baños.

Nós, cidadáns, estamos un pouquiño queimados de tomaduras de pelo e rebaixamos tanto as expectativas, sobre os resultados eleitorais e a ausencia de goberno, que, ao ver como se realizan anuncios de acordos, xa alentamos a fondo. Ao igual que na anécdota anterior, non hai nada feito do que sería esperábel: unhas eleicións, logo uns resultados máis ou menos anunciados, a seguir unha iniciativa para conseguir apoios bastantes para que a investidura dun candidato resulte exitosa e finalmente a conformación de goberno.

Todo comezou 36 horas despois de se pechar os colexios electorais: díxose que existía acordo entre PSOE e UP para formar un goberno de coalición. A sinatura dun documento con dez pontos dun pre-acordo para conformar un goberno progresista de coalición foi o inicio da nova etapa que, partindo da nada e dun escenario eleitoral ben complexo, pretendía relatar como un logro memorábel algo que só podemos comparar a presentarse ao exame. Faltan os resultados. Faltan de momento 21 votos de congresistas para lograr en primeira volta unha investidura válida a favor do candidato Pedro Sánchez e falta, por tanto, engadir a ese preacordo as restantes componentes do préstamo (do apoio) que en Cortes fará cada grupo necesario para conformar a maioría en primeira volta dos 176 votos. As posíbeis combinacións de votos e grupos na marxe esquerda do espectro eleitoral semella como imposíbel para acordar unha investidura, sen contar cos partidos que representan opcións nacionalistas.

Ademais, por non ter resolvido o problema político do Estado español/nacións que o compoñen, de se negar ad nauseam a modificar a Constitución para contemplar outro marco de relacións, afloran como setas no outono formacións políticas localistas sen máis apoio político que o dos votos nun mercado electoral disforme. A solución da convivencia política baixo o manto dunha Constitución obsoleta pariu criaturas perfectamente deformes e non por atentar contra a Constitución senón polo contrario: por un respeito legal sacralizado a unhas leis pasadas. Pasadas por unha razón esencial: xa non serve tal e como está para garantir unha convivencia política entre as distintas nacións do Estado. Tanto odio repartido con consignas para cerebros binarios (comigo ou contra min) trouxo este escenario igual de problemático que o de abril pasado.

Comentarios