Opinión

Non é a demografía (2)

AS CONDICIÓNS sociais propicias ao incremento dos nacementos, as que faciliten que fundamentalmente as mulleres novas decidan ter fillos no seo dunha familia ou fóra dela, abranxen moitos ámbitos: o laboral e os ingresos salariais correspondentes; o laboral na perspectiva de estabilidade no desempeño do posto así como da promoción; o laboral visto desde as condicións de desempeño do traballo: horarios, calendarios, ambiente na empresa /centro de traballo (por exemplo, ausencia de competencia violenta pola ocupación ou, á contra, ambiente laboral favorábel á boa convivencia). O feito de ter traballo, hoxe en día, non é garantía de poder viver con relativa tranquilidade e tampouco asegura ter suficientes ingresos presentes e a medio prazo para afrontar os gastos e dedicación que esixe a crianza dos fillos.

Son habituais os casos de mulleres novas recén empregadas, mesmo as de máis alta cualificación, ocupando postos da súa categoría profesional, que sufran, que teñan, unhas condicións laborais incompatíbeis coa crianza de fillos. E nas categorías medias e inferiores, mesmo na Administración pública, moito pior: por dúas razóns, porque os salarios son máis cativos, porque a incerteza acompaña o traballo e porque a seguridade a medio prazo con contratos que antes se chamaban lixo e agora se usa o argot inglés para disimular e se chaman minijob, non dan máis que para manter a ilusión de ter entrado no mercado de traballo. A reforma laboral foi un deseño maxistral do reparto entre os traballadores os custos da crise. Esta non é allea ao apioramento das condicións laborais, mais alá do paroenormes cifras de desemprego para as mulleres, da redución salarial, e conseguintemente da perda de capacidade adquisitiva. A aparición de novos pobres que se viron privados da vivenda por non poderen pagar a hipoteca, ficando como titulares dunha débeda cuase eterna, non colabora ao ánimo social proclive a ter fillos. E cando denominamos 'ánimo social proclive' queremos dicer encollemento do ton social, das perspectivas de vida mesmo daqueles outros que economicamente si estarían capacitados para sosteren crianzas. A reforma laboral, chamada flexibilización polos seus defensores, facultou así mesmo aos empresarios (Estado incluído) a non ter obrigas cos empregados das existentes no Estatuto dos traballadores (derrogado de feito e de dereito). Así, hoxe é posíbel atopar enfermeiras empregadas no Sergas por dúas horas un día —e enteirárense o día anterior—; é posíbel atopar profesoras interinas 'volantes' que percorren nun curso 8 concellos. É posíbel atopar traballadoras en empresas públicas que traballan con contrato de empresas de traballo temporal (ETT) e coñecen cada día canto traballarán o seguinte (se non hai aviso, é que non hai traballo). É usual que as empregadas en cadeas hoteleiras en zonas turísticas percorran varios centros de traballo na mesma xornada laboral, fins de semana incluídos; é normal que as condicións de seguridade e hixiene na traballo non garantan ás mulleres novas un ambiente laboral adecuado ao embarazo... En fin, o conxunto de condicións sociais é unha constelación de elementos interrelacionados que van mais alá da percepción superficial da pequena inclinación das mulleres novas galegas a se reproduciren (Continuará).

Comentarios