Opinión

Violencia estrutural (e 2)

DEFINIMOS A violencia estrutural como aquela que forma parte orgánica dun determinado sistema social. É dicer, que non é eliminábel senón que se pode paliar, ou ben crear forzas que contrarresten os seus efeitos.

No sistema actual de relacións sociais de dominio capitalista, a violencia forma parte íntima da trama social e maniféstase en todos os eidos da convivencia. Pero a civilización como forma de intento de control da violencia fai, e fixo, ao longo da historia da humanidade, en xeral, e do capitalismo, en particular, que se dean formas de relación tendentes á paz social e a cohesión. Unhas máis que outras.

Hoxe non é admisíbel que se defenda o racismo (que se ampare por lei) nen a vinganza institucionalizada ou o linchamento, sexa este físico ou social, ou o machismo, ou mesmo o maltrato de nenos e vellos, nen tampouco o maltrato animal. Non está ben visto tampouco que se contamine o meio natural ou que alguén tire beneficio privado a costa dos bens públicos, ou que non sexa un dereito dos seres humanos o acceso á cultura en todas as súas manifestacións, a comezar polo recoñecemento da propria, sen deturpacións. É un dereito alcanzado despois de anos de esforzo o recoñecemento da saúde como un ben social e, polo tanto, a defensa da existencia de sanidade pública para todos e cada un, independentemente da capacidade individual de pagamento.

É habitual que os contratos das mulleres sexan inferiores en categoría recoñecida á cualificación demostrada

Pero non é aínda puníbel socialmente senón que ten faciana de normal (e hai que aguantar) a pergunta feita a unha muller profisional sobre se ten fillos, se pensa telos ou se vai ter máis. É normal porque se admite socialmente, e por lei, que boten do traballo unha muller alegando baixo rendemento porque se ocupa dos fillos (quérese dicer ela só), facendo millenta equilibrios con horarios e obrigas. É normal que mulleres se vexan obrigadas a abandonaren o seu posto de traballo para atenderen un familiar dependente, e non hai onde acudir para solucionalo. É normal que os empregadores públicos e privados teñan uns horarios de prestación laboral incompatíbeis cunha vida que antes denominamos en paz. É habitual que os contratos das mulleres sexan inferiores en categoría recoñecida á cualificación demostrada, e, polo tanto, normal que o seu salario sexa inferior ao do traballador varón de idéntica/inferior cualificación. Polo tanto, é normal a violencia presente en cada un destes aspectos que citamos das nosas relacións sociais. Forma parte do sistema.

O que vén sendo unha tomadura de pelo política é dicer que se está a favor da igualdade, da eliminación da violencia de xénero e, ao mesmo tempo, cobrir cun veo de cinismo social toda canta manifestación de discriminación existe nas relacións laborais, legais, sexuais, en fin, todas as que se poden gobernar coa política. Da vida máis particular, máis persoal que se poida pensar, que son as manifestacións sociais das crenzas relixiosas, xa non se pode falar nun país predominantemente católico: nesta Igrexa as mulleres aínda están manchadas do pecado de Eva.

Comentarios