sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

Agora que toca?

Outra vez, unha vez máis, recordo esta cita de Bertolt Brecht: "O peor analfabeto é o analfabeto político. El non oe, non fala, non participa nos acontecementos políticos. El non sabe que o custo da vida, o prezo dos garavanzos, do pan, da fariña, da roupa, dos zapatos e das medicinas, dependen de decisións políticas. O analfabeto político é tan burro que alardea e incha o peito a dicir que odia a política. Non sabe que da súa ignorancia política nace a prostituta, o menor abandonado e o peor dos bandidos que é o político corrupto, mequetrefe e lacaio das empresas nacionais e multinacionais".

Xa poucas persoas se recoñecen como analfabetas políticas. Son moitas, en troques, as que, considerándose máis aló do ben e do mal, declaran que non lles interesa, que pasan. Eu adoito recordarlles que elas pasarán da política, pero que a política non pasa delas.

Co fastío de dúas campañas seguidas, coa omnipresenza de debates, declaracións, descualificacións, mitins, mentiras, calumnias (dinlles fake news) e demais instrumentos de propaganda, lícitos ou non segundo os casos, a verdade é que xa estamos desexando cambiar o disco. Porén, o conto é que nos deixen. Agora bombardearannos cos pactos que, xa se sabe, son de perdedores cando os fan outros e unha opción perfectamente democrática se os facemos nós. E, despois de todo, haberá quen, no canto de traballar a prol do país, siga erre que erre sementando discordia.

Saiban, señores políticos e políticas, que o que agora toca é desempeñar cadaquén o seu rol: gobernar ou ser a leal oposición. Nesta expresión de orixe anglosaxoa, o adxectivo leal semella ter pasado a un segundo plano.

Leal a quen? Ao pobo que é quen máis ordena, como ensina a canción que deveu en himno da revolución portuguesa. Non se trata de dicir amén a canto decida ou dispoña quen goberna. É cousa de respectar o poder emanado das urnas; mais tamén disentir, cando é oportuno, no que se considera prexudicial para os administrados. Non pode falar de lealdade quen se instala na polémica e descualificación sistemática co único obxectivo de queimar os rivais políticos.

Non é estraña a desafección ao que poida acontecer nos consistorios ou noutras institucións menos próximas aos cidadáns, como tampouco é estraño o desprestixio de moitos e moitas dos que se dedican á cousa pública. A xente, á fin, non é parva e percibe sen dificultade que vento move cada vela en tan avolto mar.

Goberno e oposición teñen a obriga de ser politikós e non idiotikós. Para os gregos, os primeiros ocupábanse dos asuntos públicos, de construír a polis. Os segundos só se ocupaban dos seus asuntos privados e particulares.

Agora que toca?
Comentarios