sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

Carrachas

As carrachas son ácaros ectoparasitos (que se establecen permanentemente no seu hóspede), hematófagos (aliméntanse de sangue) e poden transmitir a enfermidade de Lyme ou o tifo, entre outras. Agora que non se limpan moito os montes e corren por eles corzos e diversos animais de pelaxe, seica non deixa de ter certo perigo atravesar zonas de matogueiras sen a indumentaria axeitada.

A xente colleulles medo, mais abondaría con terlles respecto e tomar precaucións.

Porén, adoita non nos preocupar nin pouco nin moito nin nada outra carracha que, como as tales, apégasenos e zúganos os miolos decote. Non lles custará adiviñar que falo do teléfono móbil. Xa noutra ocasión escribín sobre a nomofobia, ese medo tolo a saír da casa sen o tal aparello. Ora ben, ese medo pode ter distintas orixes.

Hai quen precisa estar sempre "washappeando", vivindo unha realidade paralela ao que está a facer, como se temese perder algo importante se non acode, como se a súa presenza nos foros fose imprescindíbel. Hai quen ten un negocio ou profesión que depende da resposta urxente ás chamadas e/ou da realización das mesmas. Hai quen se ocupa de xogar en liña. E hai, por último, quen está obrigatoriamente obrigado ou obrigada, valla a redundancia, a estar permanentemente localizábel para non exasperar as histerias familiares.

O meu tamén é un caso destes, aínda que non me atreva a cualificalo de nomofobia porque, o que é un temor irrefreábel a saír sen móbil, non teño.

Este verán, nunha praia da Costa da Morte, oín unha conversa que é un claro exemplo do mal uso deste tipo de teléfonos. Un home de mediana idade queixábase de non poder manter unha conversa co seu irmán porque sempre estaba dálle que dálle ao teclado. Afirmaba terlle pedido que falase canto quixese antes de acudir á cita con el, mais que a media hora que lle dedicase fose sen compartir co móbil. Dicía que non o conseguira.

Unha sobriña adolescente contoume que, no campamento ao que asistiu en Area no mes de xullo, non lles deixaban o aparello máis que unha hora tres días á semana. Matinei en que sería boa cousa organizar actividades así para curar unha adicción que, á fin, non é menos nociva que outras que preocupan máis.

O feito de procuralo todo no Google fai que non se traballe a memoria. A atención dispérsase ou concéntrase no que non corresponde en cada momento. Os contidos aos que poden acceder menores, non sempre son os aconsellábeis.

Disque van prohibir o uso do washapp até os 16 anos. Paréceme ben; mais, quen atará a carracha cunha corda? Quen controlará a infinita Biblioteca de Babel? Refírome ao relato de Borges onde os homes toleaban buscando o libro da súa vida.

Carrachas
Comentarios