lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Conto ou soño

(O que segue é un artigo que publiquei en 2011 nun semanario hoxe desaparecido. Oito anos despois segue vixente e enténdese mellor. Xulguen vostedes).

VOULLES CONTAR un conto ou un soño. En calquera dos dous casos pertence á esfera do imaxinario, se ben é certo que moitas veces a realidade está por riba.

No País da néboa, estendéronse, como a peste, as decepcións e as defeccións. Non é doado dicir cales foron primeiro. Parece lóxico que aquelas, e que estas son a súa consecuencia, mais non sempre manda a ciencia formal que estuda os principios de demostración e inferencia válida. Mandan máis que a lóxica as arroutadas; as filias e as fobias; o contaxio, xa que falamos de peste; ou o cansazo. Cousas todas ben humanas, pero non humanizadoras. Humanizador é o pensamento que procura a obxectividade e a solución dos problemas dun xeito racional. A desistencia deshumaniza porque nos converte en obxectos inertes, coma pedras que outros guindarán conforme a súa vontade. A defección é o afastamento desleal. Xa aconteceu e volverá acontecer se os habitantes do País da néboa non espertan do seu sono como lles pide o propio himno.

E sigo co conto ou soño: Perdidos na brétema, camiñaban uns por camiñar, afanábanse outros porque consideraban que a súa obriga era buscaren o camiño, e sentaban algúns esperando que un vento milagreiro varrese a escuridade. E os da defección, dos que xa falamos, volvían, na medida do posíbel, sobre os propios pasos cara á luz de todas as certezas que, como se sabe, é a do pensamento único e cómodo. Non o facían con disimulo, non. Maldicían todo o que amaran, renegaban de todo aquilo no que acreditaran e botábanlles a culpa de non chegar aos que seguían a procurar unha saída.

Tampouco había unanimidade entre os que, nun esforzo sostido, furaban as sombras. Os choques e caídas eran continuos. O grupo dispersábase e, cando a casualidade o xuntaba, perdíase en discusións verbo de quen fora o culpábel do extravío. "Precisamos un guía —pensaban uns e verbalizaban outros—, alguén que exerza o liderado e nos conduza fóra da néboa".

E sucedeu que, nunha destas, alguén falou con calma: "ninguén de nós ve con claridade o camiño, doutro xeito xa tería chegado. Collámonos das mans e camiñemos nunha mesma dirección.

Dese xeito non tropezaremos entre nós. a saída existe e atoparémola xuntos". Xuntos era a única palabra que, ou non se pronunciara, ou non se conseguira oír entre tanto balbordo. e chegaron tras voltas, tropezos e rectificacións, xuntos. (Por desgraza, non, engado agora).

Que conto ou soño máis simple, pensará quen ler até aquí. Se cadra, mais eu xúrolles que ten corolario.

Conto ou soño