sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

Nin con saias nin sen saias

SE EU PUIDESE falar co Papa Francisco, habíalle pedir que me explicase que entende el por feminismo e machismo. E diríalle tamén que eu endexamais serei machista con saias pola simple razón de que non as uso.

Co debido respecto, ademais destas cousas, confesaríalle a miña decepción polas súas palabras: "Todo feminismo acaba sendo un machismo con saias", porque vén corroborar que a Igrexa non renuncia ao sistema patriarcal que con tanta eficacia axudou a construír. A verdade, ilusa que é unha, esperaba del outra sensibilidade verbo de asunto tan delicado.

Delicado porque atinxe a máis de media humanidade, as mulleres, que sofren e mesmo son asasinadas como consecuencia de séreno.

O feminismo, Santidade, segundo o dicionario, é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller. Pola contra, o machismo, tamén segundo o dicionario, é a ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre o home e a muller.

Daquela, semella contraditorio que defender a igualdade de dereitos das mulleres poida dar en defender a supremacía do macho e non defender a igualdade de dereitos entre home e muller.

Seguramente quixo expresar que algúns feminismos poden imitar a inxustiza do machismo e tentar facer cos homes o que moitos deles fixeron e fan coas mulleres. Mais o certo é que non dixo algúns, senón todos. Algo tan nobre como defender a igualdade das persoas pode desembocar en algo tan ruín como practicar a discriminación? Cústame acreditar niso, abofé.

Sospeito que Francisco non reparou en que as súas palabras se prestan a certo chanceo. Cardeais, bispos e parte dos curas visten saias e moitos deles si son machistas como o é, na práctica, unha Igrexa que veta o sacerdocio ás mulleres e as relega a postos ancilares.

A longa loita do feminismo non merece este tipo de "axudas" que, non só non bogan na boa dirección, senón que fan retroceder os seus logros.

Trátase de algo moi serio porque, a non asunción do principio da igualdade de dereitos entre os seres humanos, o primeiro o da vida, ten as consecuencias que coñecemos: feminicidios en todos os territorios, ideoloxías e clases sociais. O denominador común sempre vai ser o machismo criado ao peito do sistema patriarcal.

Agardo non ofender os sentimentos relixiosos de ninguén ao cuestionar a pertinencia das palabras do Papa. Se non fose crente, doeríanme menos. Pero ter fe non esixe romper coa lóxica e, moito menos, coas evidencias.

A teor das Escrituras, San Paulo era machista. Tamén moitos dos chamados pais da Igrexa, fillos do seu tempo. Porén, dígaseme cando e onde o foi Xesús.

Nin con saias nin sen saias
Comentarios