jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Nin pombas nin flores

Moitas persoas confesan seren incapaces de ler e comprender a poesía. O segundo é consecuencia do primeiro porque, se leren, a propia poesía —esa mestra sen ira que dixera Luís Pimentel— lles mostraría o seu rostro, que non é para comprender, senón para experimentar mergullándose nos seus ollos de luz e néboa. Mesmo na máis conceptual e obxectiva, ao lermos, filtraránsenos sempre connotacións, significados engadidos aos que achegan de seu as palabras.

Para moitos autores e autoras actuais o uso de metáforas é unha trampa, porque a súa polisemia fai que a mensaxe non sexa unívoca e, daquela, as interpretacións distintas segundo quen lea. Para quen isto escribe, segue vixente a afirmación de que a historia da literatura é a historia das metáforas.

Non hai trampa se se considera que a verdade poética non é a verdade lóxica e, se cadra, tampouco a moral. Aínda así, esta última podería ser equiparada á autenticidade. En todo caso, calquera afirmación neste senso pode ser discutíbel. O único certo é que nos movemos en distinto campo.

Todo este preámbulo vén a conto dos premios Nacionais (estatais) de Poesía outorgados a tres escritoras galegas. O primeiro, na edición de 2019, a Pilar Pallarés por ‘Tempo fósil’. Este ano a Olga Novo por ‘Feliz Idade’. O último, hai catro días, o Premio Nacional de Poesía Joven a Alba Cid por ‘Atlas’.

Tres mulleres, tres poéticas e un nome adxectivado para engadir aos seus patronímicos: poeta. Pilar poeta. Olga poeta. Alba poeta. Todas fillas, noutro tempo e maneiras, de Rosalía, a gran nai simbólica, a que non cantaba ás pombas nin ás flores. Son, moito antes dos galardóns polos libros citados, voces imprescindíbeis na poesía galega que, como saberá quen se mova neste eido, está entre a mellor do Estado e, dito sen tentacións chauvinistas, entre a mellor do mundo.

Olga Novo pon o rural e a súa historia particular a carón de grandes manifestacións culturais do vasto mundo. As peripecias propias e da tribo ensámblanse coas doutros pobos e tempos. É unha apoteose de metáforas levedadas no dentro e no fóra, no corpo e na imaxinación sen límites. Pilar Pallarés indaga no palimpsesto da casa e a terra que perdeu e acha o enigma da existencia. Alba Cid dinos como a realidade segue o mapa da poesía. Igual que Baudrillard, asegura que é o mapa o que precede ao territorio. Sábeno os que a prohiben.

O concello de Madrid retirou as placas con versos de Miguel Hernández do cemiterio da Almudena. A palabra auténtica do que fora, segundo el mesmo, perito en lúas, non ten espazo no Madrid máis reaccionario.

Ceparán as pólas, porén só conseguirán que a árbore medre máis.

Nin pombas nin flores
comentarios