domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Onde campa a desmemoria

OUTRORA SEDUCÍANME as casas abandonadas. A imaxe da hedra gabeando polos muros, entrando polas ventás, habitando o baleiro, resultábame do máis suxestiva. Semellábame unha potente metáfora visual para significar o esquecemento, a vulnerabilidade da condición humana, a acción do tempo, ese martelo de pilón que peta inclemente en nós.

Eran, hai ben anos, moitas menos. A imaxinación do pobo tecía lendas de fantasmas e outros medos que nos afastaban do que podería representar un perigo polo seu estado ruinoso. É posíbel que ese, o propósito de evitar incursións arriscadas, fose xustamente a orixe dos relatos de feitos paranormais. Co tempo, os temores imaxinarios ían adquirindo entidades máis concretas porque, como escribiu Ánxel Fole, o medo pare fantasmas.

Agora os pardiñeiros (edificios en ruínas e deshabitados) son tantos que faltan as estadeas ou estantigas necesarias para vagaren polas estancias. Mais tampouco están baleiros. Ateigados de desmemoria, expían non se sabe que culpa antiga. Talvez a mesma que condenou e segue a condenar a este pobo a un exilio económico incesante.

Non é exclusivo de Galiza, ben se sabe. Mais, se sabemos ler o momento que estamos a vivir, entenderemos que é tempo de recuperar a terra con todas as súas potencialidades e, nese senso, o noso é un país privilexiado.

Non sei como, por iso non me dedico á política; mais os que gobernan terían que ir moito máis aló da detección do problema e implantar medidas que favorezan o repoboamento. Coido que non abonda co simple regreso dos que poidan volver. Necesariamente temos que abrir as portas de entrada a quen queira traballar e ser un ou unha de nós.

Pregúntome como nos arranxaríamos se o número de escanos lles permitise a algúns aplicar un programa que expulsaría os estranxeiros. Seguramente moitos familiares destes xenófobos quedarían desatendidos, sen os coidados de persoas que respectan e merecen ser respectadas.

Desde logo que os poderes públicos deben vixiar a "vagos e maleantes" (perdón polas reminiscencias franquistas), aos de aquí e aos de fóra. Porén, dar por certo que son os inmigrantes os que máis delinquen, é unha inxustiza. Malia os atrancos con que tropezan (falta de papeis, pago desigual, desconfianza), a maioría queren traballar e vivir en paz. Facerse eco da lenda urbana que difunde o bulo de que, en canto chegan, teñen todos os gastos cubertos con cartos públicos, é unha infamia máis.

Tamén anda a desmemoria campando sobre nós, como unha chuvia a regar a insolidariedade. Acaso non fomos tamén emigrantes e, a miúdo, sen papeis? Non temos padecido os galegos, mesmo dentro do Estado, a xenofobia?

Onde campa a desmemoria
Comentarios