domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

A onde vas, coello branco?

É ALICIA NO país das marabillas moito máis que un libro para a infancia. A semellanza do O Principiño de Antoine de Saint-Exupéry, ten varios niveis de lectura e, desde o comezo, abondas mensaxes para descifrar; a primeira, a do coello branco vestido con chaleco, obsesionado polo reloxo, sempre a repetir que ten présa. A nena ségueo cegamente, mesmo sen saber a onde vai. A iso lle deberá as súas aventuras. Nós, pola contra, que tamén semellamos correr tras o coello do conto, debémoslle as nosas desventuras.

O autor, Charles Lutwidge Dodgson, que asinou o libro baixo o pseudónimo de Lewis Carroll, quizais denuncia neste episodio a vertixe das persoas do seu século, o XIX, e é inevitábel preguntarse que pensaría da supersónica época en que vivimos nós.

Hai poucos días rematei a lectura dun ensaio que comeza así: "Si me viera obligado a señalar un rasgo que describiera la época actual en su totalidad, no lo dudaría un segundo: eligiría la aceleración". Trátase de Contra el tiempo. Filosofía práctica del instante, o ensaio finalista do Premio Anagrama de 2016. O autor tiña menos de 24 anos cando escribiu unha obra fonda, lúcida e, asemade, doada de ler. Unha obra coa que vas constatando a coincidencia co propio pensamento e que che fai pronunciar aquilo de "isto escribiríao eu se o soubese escribir".

O autor, Luciano Concheiro (1992), posuía dúas licenciaturas aos vinte anos, en Historia pola Universidade Autónoma Nacional de México (UNAM) e en Socioloxía pola de Cambridge. Actualmente é profesor na Facultade de Filosofía e Letras da primeira. Neto dun exiliado de Curtis irmán de Chonchiña, a que foi muller de Francisco Comesaña, o entrañábel Doutor da Barca na biografía novelada de Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro, ve no Capitalismo exacerbado a matriz das présas.

Por el existe a obsolescencia programada, as políticas a curto prazo, o consumo sen freo, a sociedade tensa e chea de ansiedade, o tratamento superficial de todas as cousas. E non digo o coello branco porque penso que o coello branco é el mesmo, ese monstro que se nutre de cadáveres e que Castelao representou como unha especie de Moloc co ventre cheo, até rebentar, de caveiras.

Tamén rebenta a terra, incapaz de dixerir tanta inmundicia filla da urxencia. A contaminación, o cambio climático, a ruína de moitos e a fortuna obscena duns poucos, moi poucos, hai que anotalos na conta do coello branco e de quen o defende como se lle fose na súa existencia a vida. A existencia do roedor que rilla en nós sen gastar os dentes da súa insaciabilidade.

Porén, o coello branco ha sufrir ese raro fenómeno chamado autocombustión.

A onde vas, coello branco?
Comentarios