Opinión

Quen lles mentiu?

Non se preocupen, que non vou escribir sobre políticas e políticos en campaña. Nese caso ben sabemos que hai quen mente aberta e conscientemente, quen se equivoca e quen ve a realidade con lentes, de aumento ou redutoras segundo os casos.

Cústame moito poñer o foco no xeito de actuar dalgunhas persoas, novas e menos novas, en tempos de escaseza de postos de traballo. Digo novas e menos novas, mais o problema atinxe en maior grao ás primeiras e é consecuencia dun cariño mal entendido e, nese caso, dunha educación errada.

Que nai ou que pai non quere o mellor para a súa proxenie? Salvo deshonrosas excepcións, todos. Porén, quen dixo que o mellor é tirarlles aos fillos e fillas todas as castañas do lume, apartarlles todas as pedras do camiño, tratalos coma inútiles facéndolles entender que naceron para seren servidos polas persoas de máis idade que andan arredor?

Suponse, polas oportunidades que tiveron, que posúen a miúdo máis estudos que xeracións anteriores. Se cadra, mesmo terminaron unha carreira e vense na conxuntura de teren que ocupar un posto para o que non se requiriría un perfil tan cualificado. Sexa como for, hai algo que non se pode deixar na casa: a humanidade que nos fai solidarias con quen nos rodea.

Desculpen que, caendo no persoal, lles diga que non se trata dunha cuestión autobiográfica. Por fortuna vivo rodeada de xente sempre disposta a axudar. Outro tanto me acontece cando acudo ao supermercado en que nos fornecemos. Mais a miña reflexión de hoxe ben a conto dunha anécdota acontecida noutro deses establecementos.

Sucedeu un día dos pasados festivos en que as tendas de alimentación abriron. Unha dependenta de mediana idade, tras ofrecerse en consideración con quen precisase máis ca ela estar libre esa xornada, foi traballar. E abofé que traballou. Traballou mentres compañeiras máis novas acudían ocasionalmente á caixa ou percorrían os espazos entre os andeis, cos brazos cruzados. Cansa de andar dunha a outra sección, pediulle axuda a unha daquelas que só despregaban os brazos para comprobar o estado das uñas. A resposta foi contundente: "Para que, se me van pagar o mesmo?".

Tremendo, verdade? Seguramente non lle pagan moito, mais o que cobra está mollado coa suor de quen realiza parte das tarefas que lle corresponderían a ela. A canción de Atahualpa Yupanqui que di "color de sangre minera tiene el oro del patrón", devén neste caso en cor de sangue compañeiro. E non esaxero. Imaxinen a carraxe da explotada pola súa igual.

A xente nova ten que saber que os dereitos dos que se beneficia son unha conquista da loita de quen chegou antes. Non é caridade, senón simple ética no espazo laboral.

Comentarios