Opinión

Calvinismo político

O REDACTOR XEFE da revista alemá Der Spiegel, Steffen Klusmann, non dubidou en afirmar nos últimos días, referíndose a Alemaña e ao seu papel na crise europea do coroavirus, que empoleirarse agora de gardián orzamental das virtudes é mesquiño e sórdido. E o ministro de Economía do Goberno de Merkel, Peter Altmaier, analizando as posíbeis axudas da Unión Europea dirixidas a Italia, Francia e España, dixo, con certa altiveza e desprezo evidente, que ese era un debate "fantasma".

O certo é que existen, neste modelo de UE que se revela insensíbel e en certa maneira inútil, dúas formas de entender a política, a sociedade, a economía e o poder. ¿Acaso vibran no mesmo plano a Europa do norte, calvinista, e a Europa do sur, atlántico-mediterránea, greco-romana e cada vez menos católica? Angela Merkel, filla dun pastor luterano, e o primeiro ministro holandés, Mark Rutte, membro da Igrexa protestante, practican ou defenden o que eles interpretan como "cultura do esforzo", o traballo ben feito e a "responsabilidade"; é dicir, a procura continua do beneficio a toda máquina, o lucro individual, un modelo de vida en principio severo e austero, e o aforro como motor do goberno económico.

¿Acaso vibran no mesmo plano a Europa do norte, calvinista, e a Europa do sur, atlántico-mediterránea, greco-romana e cada vez menos católica?

Mais é ben patente que a día de hoxe, superada a tese de Max Weber sobre a incidencia da relixión nos procesos sociais e económicos, aínda se pode falar da existencia na Europa norteña dun xeito de calvinismo cultural e social que tamén ten a súa expresión no político. Mais alá do vello aforismo de Nietzsche que afirma que o párroco protestante é o avó da filosofía alemá, resulta palpábel na actualidade a existencia en Europa de dous modelos económicos que se manteñen no plano xeográfico e no plano sociopolítico, e tal vez por iso Angela Merkel dixo aínda non hai moitos meses que coa súa tese "Lutero botou a rodar algo que cambiaría o mundo".

En definitiva, vendo o que se ve nestes tempos arruinados que vivimos, acabará tendo razón o economista Paul Krugman, que no ano 2011 xa vía o Banco Central Europeo baixo a presión extrema dos "moralizadores", que "odian a idea de permitir que os países se libren do castigo polos seus supostos pecados fiscais". ¿E que fixeron os moralizadores non seu día con Grecia? "A fe en Deus facilítame moitas decisións políticas", recoñeceu a propia Angela Merkel, quen tamén afirmou que a unha illa deserta levaría, por suposto, unha Biblia.

Comentarios