AS PORTAS da repetición electoral na pell de brau o cambalache de Discépolo segue presente: "Hoy resulta que es lo mismo / ser derecho que traidor, / ignorante, sabio o chorro, / generoso o estafador... ¡Todo es igual! ¡Nada es mejor! (...) ¡Dale, nomás / ¡Dale que va!". Sen dúbida, o tango porteño dos anos 30 do pasado século segue a bater coa súa letra nas entrañas da paisaxe política e social do noso tempo, convertido xa nun tema universal e vixente en calquera época.
Fíxense vostedes. Non hai moitos días o exxuíz, e agora avogado, Santiago Torres, dicía textualmente que a maquinaria xudicial, totalmente inxusta para el, estaba deseñada para que non funcionase, agás cos robaperas, e aí —engadía o exmaxistrado— até pode funcionar de xeito cruel. Mais non é só a experiencia e a opinión dun xuíz que deixou de selo por vontade propia. Tamén o Grupo de Estados contra a Corrupción, un organismo do Consello de Europa, di que a situación da xustiza en España é "globalmente insatisfactoria", e velaí as distintas interferencias de carácter político que teñen lugar no órgano de goberno dos xuíces e mesmo, como é público e notorio, no Tribunal Supremo.
Noutra orde de cousas, e dentro do cambalache presente, eu lembro a un Juan Soto Ivars preguntándolle ao profesor Andreu Navarra, autor dun libro titulado Devaluación continua, se temía que a tendencia triunfante na educación fose ensinar aos nenos a crear unha canle de Youtube antes que distinguir a Petrarca de Mussolini. E o profesor Navarra afirmaba que a maioría dos alumnos hoxe non saben situar nunha liña cronolóxica o Imperio Romano, nin saben quen foi verdadeiramente García Lorca nin quen era Josep Tarradellas, porque nos deixamos enganar por pedagoxías indecentes e alienantes e acabamos sendo unha sociedade enlameada en trivialidades.
E, por outra banda, no gran cambalache actual, abonda con ver o éxito ordinario ou corrente —dende a economía á política, pasando polo espazo televisivo ou pola creación artística— do que goza a mediocridade no Reino de España. Como ben di o filósofo canadiano Alain Deneault, non hai máis que ver como as mediocridades están sobrerrepensentadas no persoal das empresas neoliberais ou nos corredores do poder contemporáneo. Todo un cambalache de medianía e ignorancia nas alturas, trumpismo e corrupción, desigualdades e interregno. Oxalá fose un interregno.