martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Decadencia cultural

VIVIMOS NA ÉPOCA actual un movemento de declinación ou un certo período de ruína en todo o que atinxe á creación cultural e á cultura nun sentido máis amplo? Sen entrarmos nos problemas específicos que a cultura padece neste tempo da pandemia no que coexistimos e que anula toda normalidade, e téndomos un ollar máis folgado, poderemos concluír que a cultura foi vítima nos últimos anos dunha serie de políticas que foron esmagando, con diferentes intensidades e velocidades, todos os sectores culturais. Existen mesmo na actualidade comunidades autónomas gobernadas por forzas políticas conservadoras nas que os orzamentos de cultura practicamente non existen. Velaí. Porque nestes tempos, e máis na Europa golpeada pola precariedade, a crise política que sofre a cultura, parafraseando ao antropólogo Darcy Ribeiro, non é unha crise: é un proxecto. Trátase de aniquilar toda caste de creación cultural libre e independente e, á par diso, de eliminar o pensamento crítico, ou o pensamento en xeral.

"¿Non serán as institucións educativas, en moitos casos e dadas as circunstancias, unha verdadeira fábrica do que Hans Magnus Enzensberger denomina "analfabetos secundarios"?

Existe un odio certo á cultura por parte do poder político continuísta, alén dunha indiferenza evidente, que utiliza a educación, xa dende a escola básica, para, con moi poucas excepcións, modelar os seres humanos fóra de calquera carácter creativo, sensíbel, autónomo e comprometido coa liberdade, coa reflexión e coa sociedade á que pertencen. ¿Desenvólvense na educación os coñecementos e as experiencias de carácter cultural, en toda a súa extensión, que se manifestan e se viven de xeito natural nos nenos e nas nenas? ¿É a escola tradicional, e realmente existente, castradora ou represora das ideas e do coñecemento cultural? ¿Non serán as institucións educativas, en moitos casos e dadas as circunstancias, unha verdadeira fábrica do que Hans Magnus Enzensberger denomina "analfabetos secundarios"?

Se alguén observa con calma e espírito crítico unha boa parte da creación cultural de hoxe, na música pop, na novela, na poesía ou na pintura, por referírmonos a catro expresións artísticas, non lle será difícil chegar á conclusión de que a mediocridade vive instalada entre nós. A imitación e a simulación, a pobreza da linguaxe e das formas, a actitude finxidora e o comercialismo de ocasión triunfan co seu rosario de compracencia. E mentres, como diría Gemma Carbó, hai que reabrir o debate educativo-cultural, que sempre acaba sendo un debate ético-político.

Decadencia cultural
comentarios