Opinión

Discursos de odio

A incitación ao odio e o negacionismo da realidade social e política histórica e presente atentan contra a democracia e o Estado de dereito

Dun tempo a esta parte resulta evidente que os discursos de odio forman parte xa da dialéctica existente nunha boa parte da vida política. A moción de censura presentada no Congreso pola extrema dereita española puxo en primeiro plano a utilización, por parte desa mesma extrema dereita, dese hate speech que pretende afirmarse a través de expresións racistas, machistas, xenófobas ou homófobas, utilizando en paralelo falsidades históricas e políticas que máis alá do seu afán provocador procuran crear no público confusión e atrapallamento moral e intelectual.

Por iso é moi saudábel (nunca é tarde) o documento asinado por 10 formacións políticas con presenza no Congreso para fixar unha estratexia común co obxectivo de frear os múltiples discursos de odio político proxectados pola extrema dereita e, en moitas ocasións, tamén por organizacións da dereita política. Os discursos de odio —de odio social e político— atentan directamente contra a democracia, contra os dereitos humanos e contra a igualdade e a xustiza social, ademais de constituíren un serio perigo para a convivencia.

Na actualidade, estes discursos, amplificados nas redes sociais e en certos medios de comunicación, florecen —como velenosas flores do mal— na escena política española. E a extrema dereita, cada vez máis ramificada e estendida dende o seu propio tronco, chega mesmo a practicar unha sorte de exhibicionismo co relato que pretende normalizar —e por veces conségueo—, pois comeza xa a formar parte da paisaxe política e informativa diaria. A Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia —véxase como actúa neste tema a extrema dereita española— deixa ben claro que o discurso de odio debe entenderse como fomento, promoción ou instigación, en calquera das súas formas, do odio, a humillación ou o menosprezo dunha persoa ou grupo de persoas, así como o acoso, descrédito, difusión de estereotipos negativos, estigmatización ou ameaza con respecto ás persoas ou colectivos obxecto de odio.

E todo se vai complicando. A incitación ao odio está servida. E permitida. Pouco ou nada se fai. Só manifestos ou declaracións. Mais conviría actuar frontalmente, porque a incitación ao odio e o negacionismo da realidade social e política histórica e presente atentan contra a democracia e o Estado de dereito. Ábranse as páxinas do Código Penal (delito de odio) e intervéñase aos efectos.

Comentarios